Cara ás Galegas
No artigo da semana en Faro de Vigo valoro os resultados das pasadas Xerais e reflexiono sobre as perspectivas das vindeiras Galegas de outubro:
Tras o resultado das Xerais do pasado 26 de xuño, abriuse a posibilidade dunha terceira maioría para Alberto Núñez Feijoo nas Galegas do vindeiro outono. A clara vitoria do Partido Popular en Galicia, que, con respecto á convocatoria do mes de decembro de 2015, subiu un 4,37 % e incrementou en 34.204 os seus votantes, foi moi traballada sobre as provincias da Coruña e Ourense, onde conseguiu dúas novas actas, a primeira a costa de Ciudadanos (por máis de cinco mil votos) e a segunda de En Marea (por mil seiscentos), circunscricións nas que conseguiu concentrar arredor de si o voto conservador e aproveitou a inhibición dunha parte do electorado desencantado da esquerda e do nacionalismo. Un resultado electoral que deixou claro que nin os numerosos escándalos de corrupción do partido conservador ao longo da lexislatura nin o escuro episodio recente de persecución a rivais políticos protagonizado polo ministro do interior foron considerados por unha parte do electorado galego (643.827 persoas, o 41,49 %) como circunstancias relevantes que afectasen ao seu criterio sobre o partido presidido por Mariano Rajoy. O que, sen dúbida, abre unha liña de reflexión clarificadora sobre cales son os valores e os modelos éticos que hoxe cotizan na nosa sociedade.
Ninguén pode cuestionar que Alberto Núñez Feijoo obtivo nestas Xerais un resultado óptimo que fixo retroceder a todos os seus adversarios. A súa apelación directa na última semana de campaña aos votantes de Ciudadanos, partido que en Galicia obtivo 133.938 votos e unha porcentaxe do 8,63 %, conseguiu que este moi apreciable resultado quedase en auga de castañas e non se traducise en acta ningunha para o partido de Albert Rivera. Outro tanto sucedeu cos partidos da oposición parlamentaria ao seu goberno, tanto o Partido Socialista de Galicia-PSOE que, a pesar de recuperar a segunda posición e manter as súas seis actas (en contra do prognóstico das enquisas), perdeu cinco mil votos; como, e sobre todo, a En Marea e ao BNG, que perderon entre ambas as dúas 92.516 votos, que (moi probablemente) foron directamente para a abstención. Unha severa inhibición que fixo retroceder a En Marea á terceira posición, perdendo un acta no Congreso e outra no Senado, rompendo a súa liña ascendente de convocatorias anteriores. Un resultado que deixa noqueado ao BNG cun 2,89 % dos votos, o peor resultado da súa historia, na máis dolorosa irrelevancia, agoirando a súa probable desaparición do Parlamento Galego ao non acadar en ningunha das provincias o teito do 5%.
Xaora, a pesar de que os resultados nestas Xerais non son directamente trasladables ás vindeiras Galegas, é innegable que con estes datos diante non vai ser doado artellar unha alternativa de esquerda e galeguista que, despois de dúas lexislaturas decepcionantes de durísimos recortes sociais e retrocesos para o autogoberno galego, desprace de vez a Feijoo de Monte Pío. Para isto semella imprescindible que no PSdeG-PSOE, que despois de evitar o sorpasso da Marea, aspira a que o profesor Xoaquín Fernández Leiceaga presida ese goberno alternativo, active as expectativas renovadoras xeradas por este economista rigoroso de espírito galeguista e humanista. Leiceaga asume nunha situación sen liderado claro no partido, ademais, o reto tan difícil de deseñar un proxecto común para un socialismo galego ao que tantas veces gustou mirar máis para o que chegaba de Ferraz que para o que se acordaba na súa sede galega. Un “efecto Xocas” cuxos resultados, en todo caso, dependerán en grande medida da posición que finalmente acorde o partido con respecto á investidura de Rajoy, sexa asumindo a abstención da totalidade ou dunha parte do seu grupo parlamentario ou mantendo unha oposición teimosa que levaría a unhas terceiras Xerais. Non o vai ter, pois, doado Leiceaga.
Como superar a fronteira dos 450.000 votos nas Galegas debería ser o obxectivo polo que traballasen En Marea e o propio BNG activando ao electorado progresista e galeguista aborrecido e decepcionado polas leas interminables entre as forzas políticas deste espazo do común, capaces de crear as mesmas doses de esperanza ca de decepción. Un electorado que nestas Xerais de xuño procurou o acubillo da inhibición electoral, mais que de se lle ofrecer unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz podería mobilizarse e ser determinante para artellar un goberno alternativo que concibise Galicia como suxeito político.
Cara ás Galegas 2016 Feijoo sae cunha vantaxe apreciable, mais aínda se contamos coa posibilidade de entrada no Hórreo de Ciudadanos. Xaora, se as forzas do bloque da esquerda e do galeguismo conseguen activar ao seu electorado, os números estarían moi, moi axustados. Feijoo sábeo e tentará utilizar o calendario ao seu favor.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir