A discreción do editor
Gustei moito do que di Juan Blanco Valdés na conversa que mantivo con Camilo Franco e que publica hoxe La Voz de Galicia. Estou de acordo co gran editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago que a mellor virtude que pode posuír un editor é a da discreción. É un bo sinal que o traballo do editor pase desapercibido e que sexan os libros que edita, os autores e autoras a quen apoia ou as fórmulas de edición polas que aposta as que brillen na sociedade dos lectores e lectoras. Non acredito nos editores estrela. Ao fin e o cabo, até agora, na edición os editores proporcionabamos apenas o soporte da edición textual, a fabricación do obxecto e o imprescindible contexto (catálogo) no que se promocionaba e comercializaba. Tarefas que só podía desenvolver un equipo moi cohesionado. Nunha editora cultural (o modelo de edición no que eu creo e que pretendo promover no meu traballo cotián en Xerais) é o equipo de edición e promoción quen debe manter unha conversa ininterrumpida cos seus contemporáneos. Deste xeito irá construíndo paseniño o catálogo que ofrece os seus lectores. Aí é nese espazo de edición e lectura onde van creando a obra colectiva da editorial que precisa do paso do tempo para ser valorada con xusteza. Este modelo de edición cultural é dificilmente compatible coa velocidade e voracidade coa que se rexe a edición contemporánea, aínda que, paradoxicamente, a crise económica global pode axudar a aminoralas.
Obrigado, Manolo. As túas palabras son tan xenerosas coma desproporcionadas aos meus escasos méritos. Malo sería se, tras vinte anos pelexando con autores (horror!!), vicerreitores, maquetistas, deseñadores, tradutores, creativos, prologuistas, distribuidores, comerciais e libreiros algo non aprendera.
Polo demais, estou convencido de que, como comentas no teu post, a volta a unha edición cultural, esteticamente esmerada, “de oficio”, digamos, é a consecuencia inevitable das moitas tonterías que a edición punto.com e a adoración do beneficio e as contas de resultados teñen feito nos últimos anos, tonterías que recolle admirablemente Schiffrin no seu clásico La edición sen editores.
Apertas de grazas a ti e Xerais por terdes crido no meu proxecto.
Que medo mete pensar que os autores lle producen máis horror que os vicerreitores os prologuistas os distribuidores ou os comerciais e libreiros, señor Blanco Valdés… E máis horror produce pensar que seguro que leva razón.
Home, r.r., postos a meter medo, métenme todos eles máis medo ca as meigas. E non lle caiba dúbida de que, caso dos autores, levo razón. Se non que llo confirme o dono deste local, que tamén debe bregar o seu…