Vigo: primeira biblioteca pública de barrio
Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo… Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.
Non foi sen tempo!
Aí está o magnífico modelo das rede de bibliotecas de Barcelona
E o da Coruña, Zerovacas, algo que hai que lle agradecer a Paco Vázquez.
O tan denostado por vostede López Chavez xa tentou poñer en marcha bibliotecas de barrio nos colexios, tamén o anunciou, aínda que non sei se ochegou a facer…