Onte 427: O terceiro informe sobre aplicación da Carta Europea das Linguas
Recomendo moi vivamente a lectura da tradución preparada por Prolingua das páxinas que atinxen ao galego do 3º Informe do Comité de Expertos con respecto a España na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Como tamén son moi valiosas as consideracións que Prolingua realiza sobre este documento (máis dun milleiro de páxinas) do Consello de Europa que supón unha emenda á totalidade da política lingüística desenvolvida polo primeiro goberno de Núñez Feijoo. No eido do ensino o documento supón unha descualificación sen paliativos do Decreto de Plurilingüismo por, entre outras razóns, «constatarse a redución progresiva do uso do galego en todos os niveis e unha diminución da súa estrutura de apoio». Como tamén é contundente a solicitude á Xunta de Galicia dun «número suficiente de escolas que ofrezan educación completamente ou esencialmente en lingua galega». Mais o informe non denuncia só o retroceso do estatus do galego no sistema educativo, tamén o detecta na súa implantación na administración pública e na xustiza, así como denuncia unha relaxación do seu emprego nas institucións galegas. Outrosí sucede co seu emprego por parte dos medios de comunicación privados que apenas chegan a publicar/emitir o 10 % en galego. Pola contra e para a vergonza do goberno de Feijoo, o documento abeizoa a Cataluña e Euskadi, comunidades consideradas polo Consello de Europa como modelos de protección de cadanseus idiomas naturais. Os contidos referidos ao galego deste documento, que destaca pola súa redacción clara e concepción eminentemente didáctica, poderían ser moi útiles para preparar a folla de rota que levase á recuperación do consenso sobre o estatus do galego, dinamitado ao inicio da pasada lexislatura. Un proceso que cremos inevitable, moito máis, aínda, cando é probable que no futuro inmediato se resolvan en idéntica dirección os recursos ao Decreto do Plurilingüismo presentados diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ben está ir preparando o camiño.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir