Entrevista a Xabier P. Docampo
Interesantísima esta entrevista a Xabier P. Docampo. Como moi ben sinala Xavier Cordal, o mestre fala “o idioma da sabedoría, do afecto e da rebelión”.
Anoto algúns fragmentos das súas respostas nunha entrevista que é desas poucas para arquivar e compartir:
- “A orixe do feito literario está na palabra e esta é a esencia da oralidade. Calquera texto, por moi afastado que pareza estar do oral, aprehendémolo coma un resoar interior, coma un eco que nos vén dalgures… “
- “Hai un momento no proceso da escritura no que entras nunha voráxine narrativa que te invade e te impulsa, nese momento tes a sensación de estar escribindo ao ditado dese son ou dese eco que chega a ti desde o demo sabe onde, e faino con palabras.”
- “A aparición dunha literatura infantil e xuvenil galega tan vizosa e importante, relaciónase –non unicamente, pero entre outras cousas– moi directamente co compromiso coa lingua dos autores e autoras. E iso forma parte dun claro compromiso co pobo galego, entendendo esta expresión como o desexo de explicar o que somos e a que aspiramos. “
- “O máis alto compromiso do escritor ten que ser coa literatura, sen iso non é posible ningún outro.”
- “Vexo con dolor como todo aquilo que podería ser a base dunha nación que arma un futuro de seu, agricultura e gandaría, pesca, paisaxe, recursos naturais… foi destruído ou está a ser rapinado e, ademais, a industria que debería servir de compensación está ameazada de deslocación. Entrementres o noso capital espiritual: fala, tradición, historia… vaise precarizando. Os actuais son tempos de grandes decisións, desas que damos en cualificar como históricas; nelas, na súa aparición, reside a miña esperanza de optimismo.”
Etiquetas: Xabier_P._Docampo