Campo do Fragoso XXXV
DERROTA DÓCE
Tan curtidos en fracasos como andamos esta tempada, a derrota celeste contra o Werder Bremen foi o de menos. Un resultado moi enganoso para os méritos que sobre a lameira viguesa fixeron dous conxuntos que ofreceron unha emocionante e bonita noite de fútbol copeiro. Non hai dúbida de que o Celta desta noites europeas é outro equipo. Sen a presión anímica da liga (que inmobiliza aos xogadores e á bancada), é un equipo moito máis competitivo, máis xarelo, mesmo moito máis alegre e decidido a procurar o gol na portería contraria. Con esta maior autoestima saíron os de Vázquez que atuaron durante todo o encontro aos simpáticos músicos de Bremen, o segundo clasificado dunha das mellores ligas europeas. Moi ben colocados sobre o campo e concentrados na súa presión defensiva, os de Fernando foron amodiño gañando a posesión da pelota e, sempre que puideron, intentaron doses de fantasía combinatoria (fixeron un par de xogadas memorables). Tamas (un descubrimento como mediocentro) e Pablo García (mellor en cada encontro) souberon lanzar a un equipo, onte moi afouto, que mereceu, xa na primeira parte, marcar nalgunha das súas clarísimas oportunidades. Coa reanudación, un Balaídos (por fin unido e satisfeito co xogo dos seus) vibrou e apupou a un Celta que, aínda, atesoura moito fútbol de calidade. Como sucedera en Valencia, apenas un minuto de desconcentración defensiva –seguramente, o único de todo o partido, motivado pola nova lesión de De Ridder, que mala fortuna ten este rapaz!–, malogrou tan magnífico traballo e mermou as posibilidades de continuar en Europa. No entanto, a pesar do negativo do resultado, os afeccionados saímos ben satisfeitos pola auténtico partidazo dos celestes. Xogando deste xeito, o decisivo partido do domingo contra o Atlétic de Bilbao pode encararse con maior confianza. Nunca unha derrota esta tempada foi máis dóce.
Nunca vira Balaídos con tanto entusiasmo e calor nas bancadas, se temos en conta que eramos uns 10000, tirando para arriba. Impresionante o do público: para mín que foi o efecto Anfield. A ver se calla.
Non sei que partido víchedes, pero eu vin como o Celta facía o ridículo. Vázquez segue sen pór a Perera, abusa dos mesmos xogadores, comezou o partido sen dianteiros! A todos os que fomos socias do Celta na súa gran época (Mostovoi, Karpin, Mazinho…) danos moita mágoa o Celta de hoxe, que xoga andando.
Alberte: aquel Celta foi o da serpe, marabilloso! Mais non podemos vivir de lembranzas. Somos o equipo que somos, temos as posibilidades que temos. Culpabilizar a Vázquez é inxusto. Os que seguimos sendo socios, tamén en segunda, moito agradecemos o que Fernando fixo cando tanto desercións (de xogadores e afeccionados houbo). Onte o Celta fixo un partido ben xeitoso diante dun rival superior. Saber pisar a terra é un bo exercicio para non vivir sempre nas nubes, meu.