Xoguetes con talento
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a dúas campañas institucionais de sensibilización sobre a importancia do xogo e do xoguete e o impacto da publicidade sexista nalgúns xoguetes:
Gustoume a campaña «Xogar non ten xénero» promovida polo Ministerio de Consumo coa intención de sensibilizar ás familias sobre a importancia do xogo no desenvolvemento da infancia e o impacto da publicidade sexista dalgúns xoguetes. Baseada na orixinalidade dun vídeo de animación de pouco máis de minuto e medio concibido como un vídeocomunicado –protagonizado por personaxes de ficción, unha moneca, imitación do personaxe de Daenerys Targaryen de Xogo de Tronos e por un superheroe con anteface, que reclaman desde o atril con enerxía o seu dereito como xoguetes a xogar co cento por cento dos nenos e das nenas e non só co 50–, a campaña convoca ás familias a participar nunha folga simbólica de xoguetes e solicita que o domingo 12 de decembro se deixe de xogar durante unha hora. Unha provocadora e inusual iniciativa de publicidade institucional, completada coa pegada de carteis en Madrid, Sevilla e Barcelona e coa publicación de fotografías en redes acompañadas da etiqueta #HuelgaDeJuguetes, mágoa que non se utilicen as outras linguas cooficiais!, coa que o ministerio pretende que os nenos e as nenas amosen a súa desconformidade con estereotipos sexistas e roles de xénero presentes no xogo e nos xoguetes e reclamen igualdade.
Semellante intención ten a campaña «Búscase a Talento», promovida pola Deputación de Pontevedra coa intención de educar dende as idades temperás no respecto á igualdade e a erradicar os comportamentos e roles sexistas. Baseada neste caso nun concurso igualitario e creativo, dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria dos centros escolares da provincia, as persoas participantes deberán recrear a súa careta de Talento, un personaxe divertido, creativo, libre e intelixente, presentado como pezas soltas dun recortable que se pode descargar na páxina da campaña dentro da web da deputación. Un concurso creativo para nenos e nenas no que a única norma é que non hai normas, rompendo así coa sexualización e os roles de xénero e valorando a innovación, a creatividade e a composición destas caretas alternativas. Outra provocadora e orixinal iniciativa de publicidade institucional de fomento da adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexista nin violentos, na que durante estas festas de Nadal se utilizarán os vitrasas como soporte publicitario, tanto externa como nas pantallas interiores para promocionar o valor do talento como trabe das políticas feministas de igualdade.
Ambas as dúas campañas asumen que o xogo é a principal actividade das crianzas, esencial para a configuración da súa personalidade e para o desenvolvemento das súas capacidades e habilidades. Ambas as dúas iniciativas consideran os xoguetes como instrumentos auxiliares do xogo capaces de entreter, divertir e ensinar, sendo imprescindibles para expresar as súas emocións, desenvolver as súas habilidades comunicativas e sociais, exercitar a súa psicomotricidade e control corporal e potenciar a súa capacidade intelectual e creatividade. Mais tamén denuncian o carácter sexista de moitos xoguetes, que aínda teñen unha versión diferente para cada sexo, asentando roles de xénero que repercuten na autopercepción dos menores. Velaí os datos concluíntes do estudo do Instituto das Mulleres (2020) sobre a publicidade dos xoguetes que identifican nun 40 % dos dirixidos ás nenas arquetipos relacionados coa beleza e os coidados, mentres que o 50 % dos orientados cara os nenos se relacionan con profesións como as de piloto, condutor, policía ou militar. E aínda que a esta altura semellaría innecesario hai que insistir en que igual que non hai cores de nenos e de nenas, só etiquetas sociais sexistas, tampouco hai xoguetes para uns e para outras.
A campaña do Ministerio de Consumo como a da Deputación de Pontevedra promoven os xoguetes con talento, eses xoguetes sen etiquetas nin cores, nos que encaixan todas as pezas; xoguetes inclusivos que contribúan a asumir dende as idades primeiras que todas as persoas somos iguais e todas somos diferentes, que todas somos capaces de compartir e colaborar logros e emocións; xoguetes diversos que fomenten o xogo cooperativo e pacífico tanto nos espazos públicos da escola e do parque como dos privados e familiares, substituíndo os comportamentos machistas e violentos, como os prexuízos racistas e homófobos, polos valores da paz, da igualdade e da diversidade. Dúas campañas que alertan, ademais, sobre a necesidade dun consumo responsable, no que cómpre ademais comparar prezos, revisar criterios de seguridade e adecuación (ollo cos produtos dixitais!), sobre un negocio estacional, no que segundo estimacións da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) cada menor gasta nun ano arredor de 184 €, unha cantidade nada desprezable.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir