Onte 1680: Xeración precariada

urlO concello de Redondela convidoume onte a intervir no acto de entrega da XVIª edición do Premio Os Viadutos de narrativa curta para menores de 35 anos. Un premio literario ao que me sinto moi vinculado xa que participei no xurado até 2012, durante máis dunha década, onde resultaron premiados ou foron finalistas, entre outros, Xosé Carou Rei, Pilar Ortega Pereiro, Samuel Solleiro, Roque Cameselle, Emma Pedreira, Manuel Lourenzo Sobral, Susana Pereira Fiúza, Iván García Campos (Premio Blanco Amor de novela en 2010), Andrea Maceiras (Premio Jules Verne en 2015), Isaac Xubín ou Pedro Feijoo, membros da xeración de narradores e narradoras do novo século, que algunha vez chamamos, Xeración da Esperanza. Un premio que, como o Pedrón de Ouro ou o Manuel Murguía de Arteixo, abriu a xanela para novas voces, en definitiva, fixo canteira e ten moito futuro por diante.

Na entrega de premios correspondente a edición deste ano, tanto a gañadora, a xornalista de Tortoreos Sara Vila Alonso, como as dúas finalistas, a educadora social Sandra Martínez Fernández e a tamén xornalista Elena Dopico denunciaron nas súas intervencións a situación de precariedade e desemparo da súa xeración. Unha denuncia semellante a que fixera Marcos Abalde Covelo en Fornelos de Montes hai pouco máis dun mes, cando recibira o Premio de poesía de Manuel Lueiro Rey, no que cualificou como Xeración Perdida a dos mozos e mozas que teñen hoxe entre os 30 e os 40 anos.

Sara Vila Alonso, autora de «Adeus, María», o relato gañador, atribuíu «á trapallada da crise a ausencia de expectativas que están minando a nosa autoestima». Sandra Martínez Fernández, autora de «Biografía dun saco de patacas ao lombo», confesou que a protagonista do seu relato quedara como ela no paro aos 33 anos, e a piques de rematar a prestación de desemprego caera nas mans da depresión e dunha terapeuta. «O meu relato é a testemuña do que é a miña xeración, a que atopou un futuro que resultou non ser como nos venderon.» «O noso saco de patacas máis pesado é a incerteza, non saber quen es e onde quedaron os teus soños. A nosa fame é o medo, mais non podemos transformarnos en persoas conformistas.» Por último, Elena Dopico, autora de «Premio», confesou que o seu relato tiña un carácter metaliterario, mais que tamén expresaba a preocupación pola precariedade que vivimos: «estou convencida que non é toda unha responsabilidade individual».

Tres intervencións estremecedoras, que puxeron o dedo na chaga, capaces de crear un silencio emocionante nun día de ledicia para as tres narradoras. A denuncia da situación desta xeración precariada, tamén a da esperanza para a continuidade das nosas letras, non pode ser silenciada. Os nosos parabéns máis intensos para Sara Vila, Sandra Martínez e Elena Dopico pola súa afouteza e dignidade de alzar a súa voz.

Onte 1679: Os outros feirantes de Lugo

Feira_do_Libro_Lugo_2016

Acompañei onte a Manuel Iglesias Turnes na presentación de Que non te aten na Feira do Libro de Lugo. Quedei moi gratamente sorprendido coa gran actividade desta feira, onde os libreiros de Lugo tomaron as rendas do programa de animación. Rematada a presentación de Turnes comezou «Os outros feirantes», un programa alongado até ás once da noite, ao xeito de noite branca, conducido polo poeta Lois Pérez e a escritora Esther Carrodeaguas, coa participación do mago David Méndez e a música de Zócalo. Unha iniciativa magnífica, moi ben acollida polo público, que se engade a outras tamén excelentes como as actividades para escolares, o concurso de relatos en colaboración con El Progreso, a exposición «Debuxando na feira», o programa de recomendacións dos lectores e lectoras e o concurso de tapas «Substantivo feminino».

Esta auténtica revolución da programación e da comunicación da feira do Libro de Lugo demostra que as actuais feira do libro de Galicia teñen moitas posibilidades de mellora. A participación corresponsable de todos os sectores da lectura, o liderado das librarías e editoras locais e o apoio das administracións locais son imprescindibles para a posta en marcha dun novo modelo axeitado a cada cidade ou vila. Outras feiras do libro son posibles. Parabéns ás librarías lucenses por este compromiso renovado coa súa feira.

Poema de hoxe 142: «A brétema» de Manuel María

Non hai brétema como esta:
é fría como a xeada.
brétema pingona e mesta
como a noite de pechada.

Manuel María, Terra Chá (1954)

Onte 1678: Camiño aberto para Lueiro

5

Participamos onte na mesa redonda sobre a narrativa de Manuel Lueiro, O segundo acto do ciclo  que durante todos os xoves deste mes de maio se desenvolve no marco da excelente exposición Camiño aberto, instalada Pazo da Cultura de Pontevedra, comisariada por Ramón Rozas e concibida por Carmen Carreiro, con motivo da celebración do centenario do escritor Manuel Lueiro Rey. Unha sesión literaria magnífica, na que interviron Ramón Nicolás e Modesto Hermida, que serviu de presentación da nova edición de Xerais de Non debían medrar, a noveliña de infancia de Lueiro, unha das pezas narrativas máis importantes da súa traxectoria.

Particular interese tivo para nós a intervención do profesor Modesto Hermida García, amigo e camarada de Lueiro e estudoso da súa obra narrativa, que comezou expresando a necesidade de “restaurar a memoria e os valores literarios de Manuel Lueiro Rey”. “Foi un autor premiado onde aparecía, fose España ou América, mais é sorprendente que a pesar de ser tan premiado e divulgado non acabou de enraizar no sistema literario nin educativo galego, quizais por que os seus defensores non souberon divulgalo mellor”. A seguir Modesto Hermida leu algunha das referencias que se teñen feito de Lueiro por parte de autores do seu tempo. “Ferrín destacou que Lueiro era un autor que ao simbolizar a realidade pretendía subvertila, é un poeta subversivo, Lueiro”. Citou, despois, as emocionantes palabras do profesor Herminio Barreiro, outro dos grandes amigos de Lueiro: “Poeta, sentimento de poeta, razón de poeta, conduta de poeta, soidade de poeta, tristeza de poeta, ledicia de poeta, amor de poeta, paixón de poeta.. esa era a razón vital de Manuel Lueiro”. “Ferrín, Basilio Losada, Xesús Alonso Montero, Luís Seoane, Lorenzo Varela, mesmo Benedetti escribiron marabillas de Lueiro, aínda que non o fixeron como merecía a súa obra literaria.”

XG00259301Modesto Hermida salientou que “Manuel Lueiro posuía, fundamentalmente, sen merma de calquera outro rasgo definitorio, unha apaixonada vocación de escritor, concibida como unha necesidade estética, como un medio liberador da súa intención creativa, como unha proxección ao tormento de ser dunha personalidade posuída polo canto e pola estrela”. Xaora, Hermida detívose na análise de Non debían medrar, “unha obra na que debe ser valorada a novidade estrutural que supón que entre os relatos de infancia que teñen autonomía de seu, Lueiro compuxera unha novela engarzada pola pomba, un elemento determinista que xurdiu da súa capacidade como narrador”. “Hoxé é seguramente posible facer unha análise desa pomba que provocar reaccións e circunstancias, manchándose de bulleiro social nun ámbito de comrpomiso”. Rematou Modesto Hermida salientando que “a obra de Lueiro bifúrcase entre o home comprometido que escribe e o escritor de tema de compromiso  non de todo ben tratado pola crítica dos observadores”.

Poema de hoxe 141: «A entrega» de Manuel María

E podo afirmar coa boca chea:
paisaxes, cousas e animais
falan galego.
Só en galego
se pode comprender e posuír
a total plenitude desta terra.

Manuel María, Oráculos para cabaliños do demo (1986)

Onte 1677: “De remate” na Romaría das Letras do Barbanza

De_remate_Romaría_Barbantia_17-05-2016

No serán do 17 de maio acompañei a Héctor Cajaraville na presentación da súa novela De remate na VI Romaría das Letras do Barbanza que organiza a Asociación Cultural Barbantia no Pazo de Goiáns en Boiro. Xa teño gabado esta romería das letras que transforma o 17 nunha auténtica festa popular e cívica, onde varios centos de persoas reivindican a nosa lingua, a nosa música, o noso teatro e o noso patrimonio nos magníficos xardíns do Pazo de Goiáns do que se reclama cada ano a súa recuperación como espazo público.

Foi o escrior Xerardo Agrafoxo quen mantivo unha interesantísima conversa con Héctor Cajaraville sobre De remate, unha novela que definiu de “divertida, exelente e irreverente”. O primeiro tema que abordaron foi o carácter ou non de novela desta obra. Cajaraville confesou que “tiña medo que non fose considerada como novela, mesmo a pesar do concepto elástico deste xénero, que cada vez se estira máis no xogo de hibridacións dos xéneros narrativos”: Cajaraville contou que comezara por escribir os vinte e tres artigos e que foi despois cando pensou que “podía completalos contando a historia de quen os escribira a partir das anotacións do seu diario”. “Con todo, faltábame unha peza, quería que se contase dende a distancia, o que lle proporcionaría cohesión. Así xurdiu a idea de que un director do seu periódico publicase vinte e cinco anos despois aqueles artigos xunto coas notas do diario. Así apareceu a novela”,

Agrafoxo e Cajaraville falaron da importancia da lingua en De remate, para o autor “unha protagonista máis da novela”. Confesou Héctor que “tiña medo a que as referencias lingüísticas interesasen só a unhas poucas persoas vinculadas coa filoloxía”. “Foi unha sorpresa para min cando todo o mundo destaca precisamente estes textos”. No que atinxe ao carácter irreverente da novela, destacado por Agrafoxo, o autor confesou que cando a escribira non pensaba que ía ser publicada, “Esa liberdade permitiume escribir algunhas cousas que se me pasaban pola cabeza”. “Escribín unha novela que ten no humor o elemento central, aínda que non o fixen só para botar unhas risas. Quixen aproveitar toda a información achegada para facer un retrato de Galicia cun ton de autocrítica”. “A pesar de que non quería que os artigos formasen un todo, parece que, polo que recibo dos lectores e lectoras, deseñan un panorama do que é Galicia neste momento”.

 

Poema de hoxe 140: «Poema» de Manuel María

A estrela é inmutabel en si misma.
A estrela ten sentido.

Manuel María, Advento (1954)

Poema de hoxe 139: «O meu cuarto» de Manuel María

A vida ten que entrar nun
para que un entre na vida!

Manuel María, As rúas do vento ceibe (1979)

Onte 1676: Día de Internet

Día de InternetA importante mobilización que na rede provocou Manuel María, a manifestación de Queremos Galego e as actividades que se desenvolveron com motivo do Día Das Letras Galegas agocharon a celebración, tamén onte, do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (popularmente, Día de Internet). Uha data para avaliar o estado da axenda dixital galega e comprobar se foi pechando a fenda dixital que arrastramos. Tras a consecución do dominio puntogal, non vaiamos a pensar que todo está listo na internet en Galicia.

O feito de que o número de dominios sexa aínda cativo ou que a propia Xunta de Galicia non teña finalizada a migración de todos os seus servizos (os correos electrónicos punto gal comezaron a poder utilizarse onte), amosa as dificultades e lentitude desta implementación decisiva para a cultura e a tecnoloxía dixital en Galicia. Como tamén son moi a ter en conta as investigacións da comunidade académica sobre os programas de dixitalización educativa que, a pesar da grandilocuencia das declaracións dos responsables de AMTEGA e da Consellaría de Educación, amosan o fracaso deste proceso de experimentación.

Non teño dúbidas que esta é outras das cuestións de país, onde debería acordarse unha posición orixinal. Secasí, a Axenda Dixital de Galicia 2020 deberia ser concibida como unha estratexia compartida polas institucións públicas, as empresas, os axentes tecnolóxicos e o conxunto da cidadanía. Un reto que require, ademais, un liderado e un compromiso institucional que onte botamos en falta.

Poema de hoxe 138: «Testemuña» de Manuel María

Agardo, ano tras ano, pola rosa
que ten de agromar fermosa e branca
para xustificar así a miña vida
escura e caladiña baixo o vento
sutil e misterioso da saudade.
E falo decote nesta música
na que canta Galiza dende sempre.

Manuel María, «Testemuña» (1956)