Poema de hoxe 60: «A Poesía» de José Ángel Valente

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Foise no vento

volveu no aire.

José Ángel Valente, Homenaxe a Rosalía de Castro (1968)

Onte 1597: Tebas, vaite xa!

A2-74414787.jpgAs confesións de Javier Tebas, presidente da Liga de Fútbol Profesional, defendendo a súa pertenza xuvenil a Fuerza Nueva e reclamando un Le Pen á española, poñen en evidencia en que mans está o fútbol profesional en España. A verdade é que as súas opinións carecen de orixinalidade e non teñen outro interese que recoñecer a autoafirmación do pensamento de extrema deireita dun facha de toda a vida. Xaora, semella que unha persoa con estas ideas é incompatible coa responsabilidade de encabezar a loita contra a xenofobia, o racismo e a violencia dentro e fóra dos estadios. Hai moitas persoas no fútbol profesional con ideas máis sensatas para liderar os valores democráticos e o fair play tan necesarios no tinglado desta industria do lecer. Tebas, vaite xa!, e deixa de enredar, meu home.

Poema de hoxe 59: «De Compostela a Padrón» de Xesús Rábade Paredes

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001De Compostela a Padrón

díxome o vento a canción,

miña amiga!

Xesús Rábade Paredes, «A Rosalía» (1980)

Onte 1596: «Carol»

Carol-180515019-largeCarol de Todd Haynes é unha adaptación magnífica da novela homónima (O prezo do sal) que Patricia Highsmith publicara en 1952, unha historia dun amor prohibido de dúas mulleres, coa intención de denunciar, en pleno período anticomunista e puritano, a persecución que sofrían as lesbianas e gays. Utilizando até os límites do verosímil as convencións do melodrama, esta película de narración perfecta e elegancia engaiolante, ofrece as dúas actrices protagonistas, Cate Blanchett e Rooney Mara, a posibilidade de escintilar na pantalla como auténticas estrelas daqueles melodramas clásicos dos 50 de Douglas Sirk, a quen Haynes tanto gusta homenaxear. O tratamento da luz e da cor, a composición pictórica de cada plano, a mudanza do punto de vista, o coidado da música e do vestiario, os diálogos de olladas e textos orais combínanse con precisión nesta narración tan perfecta como conmovedora. Carol é unha película política de beleza austera. Merece ser recoñecida.

Onte 1595: «Que non te aten» de Manuel Iglesias Turnes en Negreira

Casa_da_Cultura_Negreira_26-02-2016

Onte contei 114 participantes na Casa da Cultura de Negreira no acto da presentación de Que non te aten, a segunda novela de Manuel Iglesias Turnes. Un acto literario que resultou gozoso e emocionante, expresión do agradecemento (e da fachenda) dunha comunidade por contar cun narrador que tras a súa sorprendente irrupción na narrativa galega hai apenas catro anos con As rapazas de Xan, confírmase con estoutra novela extraordinaria xa como autor, un novelista cun mundo propio. Así o sinalaron o empresario Che Turnes, o médico e escritor Pablo Vaamonde e o gandeiro Cándido Iglesias, en tres intervencións brillantísimas e conmovedoras, dificilmente esquecibles, nas que non faltaron nin o humor nin a emoción nin o agarimo, afondando nas motivacións e na orixe do narrador do Val da Barcala.

XG00244901Suso de Toro cualificou «Que non te aten como «o libro dun autor que está buscando o seu camiño». «As rapazas de Xan era o libro que Turnes tiña dentro, un mundo e un tempo que contar, froito dunha memoria e dunha experiencia. Agora con este segundo configúrase como autor, en frío tivo que decidir qué contar e como facelo.» «Como sucedera con As rapazas de Xan, ten a graza da fala, conserva a ironía e o seu xeito de contar polo dereito, convencional na forma, mais revolucionaria na intención.» «Os seus dous libros deberan ser lidos por todos os galeguistas e nacionalistas, xa que o galeguismo imaxinou que a nación nacía no mundo rural. Nestas dúas novelas atoparán un retrato moi cabal do mundo rural, tanto do desaparecido hai sesenta anos como do actual. Turnes conta en Que non aten como mudou ese mundo, como son as cousas agora, como é a vida na aldea ou como é na cidade. Cal era o lugar da muller e como mudou, cales eran os conflitos da vida familiar antes e cales os de agora. Un libro que todos deberan ler.»

Poema de hoxe 58: «Homenaxe a Rosalía de Castro» de Miguel Anxo Fernán Vello

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Que voz tan silenciosa habita este vazio!

Miguel Anxo Fernán Vello, «Névoa de luz e mar no recordo» (1985)

Onte 1594: A Galicia moderna

Diego_Conde_ Lourenzo_Fernandez_Manolo_Maseda_25-02-16

Na presentación de onte en Couceiro da biografía que Diego Conde preparou sobre Juan Rof Codina insistiuse moito na idea da Galicia Moderna. Fíxoo primeiro Lourenzo Fernández Prieto, o catedrático de Historia Contemporánea da USC, que precisou que Codina non fora un modernizador da veterania e gandaría galega, «foi un representante xenuíno daquela Galicia Moderna dos anos 20 e 30 coutada polo golpe de estado de 1936», unha Galicia que vivía un esplendor artístico e unha innovación tecnolóxica á altura da que se desenvolvía noutros países europeos. En idéntico sentido expresouse Diego Conde cando confesou que intentara demostrar a falsidade da idea de Galicia atrasada, «hubo un periodo antes da Guerra onde no eido da veterinaria as iniciativas de modernización estaban máis preto de Europa ca da idea de atraso». «O traballo de Rof Codina, os seus milleiros de artigos tiñan esa intención modernizadora nunha Galicia que quería ser algo. O traballo de innovación de Rof Codina, como o de moitos outros veterinarios anónimos, demostra que a gandaría tivo un efecto modernizador naquela Galicia moderna.»

Poema de hoxe 57: «Ronsel de Camiños» de Salvador García Bodaño

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Decir hoxe ronsel, Rosalía

non quer decir gueivota ou escuma,

ledicia de ondas

ou dorna a bolinar

Salvador García Bodaño, «Ronsel de Camiños (1963)

Onte 1593: Caldo de groria para Rosalía

Padron_24-02-2016

Celebramos onte o día de Rosalía en Padrón presentando a edición crítica de Follas novas preparada por Anxo Angueira. A profesora Chus Senín cualificou o traballo de Angueira de “rigoroso, exhaustivo e pormenorizado, incidindo en aspectos silenciados, como o compromiso coa muller”. Chus Senín analizou as dimensións do feminismo rosaliano, que concibe a muller como suxeito político e social, e salientou o compromiso que Rosláia expresa en Follas novas coa política do seu tempo.

XG00247301No seu discurso Anxo Angueira relatou a xénese de Follas novas, “un libro da Restauración borbónica, fillo da crise e do fracaso político, o seu pesimismo e o seu escepticismo político teñen as raíces nese momento histórico”. “Follas novas supón un salto consciente con respecto a Cantares gallegos, sendo un libro profundamente feminista, onde a muller é un suxeito literario e político. Un libro que canta ás Penélopes que quedan, soas e abandonadas, elas son a nación galega.” Referiuse despois á poética do libro onde están presentes “a dor, a soidade, as sombras, o eu subxetivo, mais tamén a dor en sociedade, o sufrimento comunal”. Angueira salientou que en Rosalía “a soidade vai máis alá da saudade” e afirmou que o triángulo entre “saudade, Galicia e Roslía”, establecido por un grupo de galeguistas dos anos 50 era falso. “Follas novas é un libro materialista, onde a soidade ten que ver coa exclusión do ser humano da súa comunidade. Así está retratada a exclusión en textos como “Estranxeira na súa patria”.

Para Angueira “Follas novas é un libro de crepúsculo, do outono, onde está presente a poética do adeus. É un libro de adeuses, como o de Manuel Antonio. Un libro de despedidas. A vida é un continuo despedirse, todo flúe. Hai amor, pero hóuboo, xa pasou. A visión deste libro é dura, realista, pesimista.” Rematou Angueira referíndose á poética da nación en Follas novas. “Non esquezamos que Galicia é a palabra coa que rematan os prólogos de Rosalía. A nación está presente en Follas novas. A nación de todo o pobo que sofre. Son as mulleres as que sosteñen a nación. A que se rebela, a que colle a fouciña na man para facer xustiza. Follas novas é un libro soportado pola s mulleres. A de Rosalía non é un visión esencialista, para ela non hai nación sen horizonte, sen proxecto. A nación en Rosalía é materialista”.

Xardin_desordenado

Despois do extraordinario concerto rosaliano de Xardín desordenado, Angueira convidou na Pulpería Rial a medio cento de persoas a compartir o “Caldo de groria”, unha experiencia para gozar en cada Día de Rosalía daquela receita dun “caldo de groria” que Rosalía recolleu no poema “Vin de Santiago a Padrón“. Despois de lembrar os versos “Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar / e ca fariniña munda / xa tiña para cear. / Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar”, Angueira insistiu que esta iniciativa que se ensaiaba por vez primeira pretende “facer unha homenaxe á resistencia do pobo galego, unha homenaxe a Rosalía na intimidade familiar e amical”.

Poema de hoxe 56: «A Rosalía» de Luís Pimentel

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Non convén chorar máis.

Ela chorou por todos e para sempre.

Calemos…

Luís Pimentel, «A Rosalía» (1952)