Onte 23: Merenda en Madarro

Cando viaxo a Lugo para presentar no serán algunha das nosas novidades procuro chegar con media hora de antelación para tomar un café con leite, acompañado dalgunha lambetada, na Confitaría Madarro. Adquirín este costume da merenda lucense tras acompañar en varias ocasións ao profesor Alonso Montero para quen a visita ao salón de té da rúa da Raíña asegura afrontar con éxito o desenvolvemento do seu parladoiro. Gosto da centenaria pastelaría lucense («Proveedora de la Real Casa» dende 1904) polos seus humildes bolos de leite, nos que atopo saudades do sabor daqueles que traía a avoa Filo da Confitaría Buen Gusto da rúa Elduayen, ou quizais pola sobriedade do seu mobiliario branco, dende as vitrinas, pasando polas cadeiras de vimbio, paredes, e teitos, até as mesas de mármore, como aqueloutras das Tres Luces de Urzaiz ou da Confitaría Ramos do meu barrio vigués. Unha impresionante colección de botellas de coñac, que probablemente levan nos andeis catro ou cinco décadas sen que ninguén chame por elas, testemuña a pegada do tempo. Cando saín, reparei nas larpeiradas do escaparate. Unha marabilla!: torta de améndoa, torta dinamarquesa, tellas e varias porcións de marmelo (a 12 euros!). É o tempo dos marmelos, chegou de novo o San Froilán.