"L' affiche rouge"



Onte presentamos L’affiche rouge, a primeira novela de Mario Regueira na terceira xornada da Feira do libro da Coruña. A intervención da profesora María do Cebreiro e o miniconcerto de Leo de Matamá (algó insólito na Feira) centraron un acto onde o autor ártabro foi moi arroupado polos seus compañeiros de xeración. Na miña intervención non puiden evitar recordar que a lectura desta cousa bonita produciume un estremecemento semellante ao que sufrín hai vinte e cinco anos cando o fixen con Dos anxos e dos mortos (conmemoramos o trinta aniversario da súa edición en Castrelos) de Anxo Rei Ballesteros.
A novela de Mario, como sucedeu coa de Anxo, está chamada a abrir un tempo literario novo na narrativa galega. “O que soñamos hai que conquistalo, hai que loitalo”, comenta Xulio, un dos protagonistas da novela, no seu derradeiro diálogo, para deitar unha fenda de esperanza para unha novela que propón un diálogo interxeracional arredor dos mitos que constrúen a nación.
Unha novela que recomendo moi vivamente e da que agardamos impacientes a aparición das primeiras reseñas e valoracións.

O vídeo recolle a interpretación de Leo Ferré da canción homónima á novela, sobre texto de Louis Aragon.

Actualización (15-08-2007): Recomendo a visita a diversos blogs que fixeron crónicas sobre a presentación:

  • Ghanito (grande reportaxe fotográfica).
  • Zerovacas (propón un interesante debate sobre a “cuestión xeracional”)
  • Mario (as reflexións do propio autor).

"Terrorista", unha literatura atrevida

Agradécense moito críticas como as que Mar Pichel publica en Galicia hoxe sobre Terrorista, a novela que traducimos de John Updike. Sempre crin que a novela é importante e a tradución de Lara Domínguez para o galego excelente. Agardo que comece a ir desvelándose devagariño entre o público que procura textos de altura.

Etiquetas:

TVE estreará dous novos programas sobre libros

Quen dixo que os libros non son para a televisión? Hoxe soubemos que TVE estreará en setembro dous novos programas sobre libros que serán emitidos en horario estelar. “Marcapáginas”, un espazo de ficción, e “Página 2”, unha revista literaria son as dúas apostas da canle pública que pretende con eles dobrar o tempo dedicado aos libros. Libro aberto, o programa da TVG con tan bos índices de audiencia e aceptación na súa primeira tempada, tomará exemplo e mudará na súa reentrada outonal o seu horario de emisión abandonando a madrugada?
Etiquetas:

"Trece badaladas" en braille

Onte, ao remate do pregón da Feira do Libro, o delegado provincial da ONCE da Coruña entregou a Suso de Toro un exemplar da edición de Trece badaladas en braille. Esta é unha noticia significativa que amosa o compromiso da ONCE en continuar co seu compromiso de verquer á linguaxe braille unha parte significativa do corpus da actual literatura galega para que poida ser gozado e utilizado por persoas con deficiencias visuais. Este é un proceso iniciado xa hai anos, con enorme discreción, que merece ser recoñecido e necesita ser impulsado.
Etiquetas:

Faleceu Victoria Díaz Cabanela

Onte, antes de comezar, a presentación do libro do profesor don Xesús Alonso Montero na primeira xornada da Feira do libro da Coruña, soubemos do falecemento de Victoria Díaz Cabanela, a admirada mestra, feminista e militante comunista coruñesa. Hoxe xornal.com, onde colaboraba, dá a noticia e varios obituarios a recordan. Aconsello a lectura da derradeira e estremecedora anotación que Victoria publicou en xornal.com, onde relata cómo sufriu o infarto.
Ao fío desta tan triste perda e parolando na viaxe de volta da presentación (un grande éxito de público e unha intervención vibrante e con moita agulla do autor), o profesor comentábame a súa decepción polo escaso tratamento que os medios impresos de maior difusión en Galicia proporcionan a este tipo de noticias, nos que existe escasa tradición do xénero do obituario [o caso contrario sería a da edición nacional de El Pais que dedica atención a esta cuestión]. Recordoume o profesor o falecemento de Manuel Barros, o máis veterano militante comunista de Redondela (un dos presos da illa de San Simón), que a pasada semana foi enterrado en Reboreda sen que apenas os medios deran noticia ningunha.
O noso recordo emocionado, tanto para Victoria como para Manolo Barros. Que a terra que axudaron a fertilizar cos seus gromos de liberdade e xustiza, lles sexa leve.

O pregón de Suso de Toro

Co pregón de Suso de Toro comeza hoxe a Feira do Libro da Coruña. Recollemos unha boa parte do interesantísimo texto do autor de Home sen nome no referido ao libro, a lectura e as bibliotecas públicas:

“O libro […] ten ese carácter case personal, o lector le no libro e dialoga con el. Se non gusta del déixao quedar arrombado, se lle reina mergúllase nel e disfruta, outras veces, párase e discute con el, nega o que di ou para a pensalo, a discutilo. O diálogo entre quen escribe e quen le a través dun libro é un diálogo democrático. Baséase na liberdade do lector sempre, se o lector non gusta do libro o libro será unha máquina que non funcione, que non consiga comunicar aquilo que o autor pretendeu.
O libro é unha máquina moi fráxil pois esa comunicación é delicadísima. Todo o humano é delicado, fráxil, pois somos unha marabillosa máquina caída das estrelas e feita de carne.
Mais sendo fráxil o libro é poderosísismo: As transformacións da nosa civilización nos últimos cincocentos anos foron posibeis grazas ao libro.
O libro era o lugar onde vivía o texto escrito. Hoxe ocorreu unha transformación, o texto xa non vive exclusivamente no libro, está tamén, e sobre todo, nas pantallas. Non debemos ver isto como algo malo, pois a Rede, Internet, permite que todos leamos e tamén escribamos texto. Internet permítenos a todos enviar mensaxes, non só recibilos. Ten un aspecto democrático indudábel.
Mais se as pantallas se fan exclusivas liquidarán ao libro. E o libro é o que crea individuos. A lectura é un acto solitario, un acto individual, individualizador. Lendo estamos sós. Mais non estamos incomunicados, estamos dialogando cun autor, cun texto. Un texto que moitas veces é producto de moitas persoas, de tradicións colectivas, é un diálogo con outro, con moitos outros.
E estando sós, lendo, estamos a soas con alguén importantísimo, nós propios. A soas con un mesmo. A lectura é a ximnasia do “eu”, da identidade personal. Os medios estimulan o noso abandono, buscan fascinarnos, que abramos os ouvidos, os ollos, a boca… A nosa entrega total, quere que nos disolvamos, que deixemos de ser. A lectura en cambio é esixente, quere que sexamos, que esteamos aí, máis ou menos atentos. Lendo entramos no texto mais nunca é un labirinto do que non poidamos saír, sempre hai un camiño de volta e sempre mantemos a conciencia. A lectura respecta á nosa intelixencia e integridade, e lendo respectámonos.
A lectura individual, a lectura personal, o libro, é o grande invento moderno e, á súa vez, a lectura é a inventora da modernidade, do individudo ilustrado e con criterio propio. O individuo que cre na persoa, o que esixe respecto para as persoas, para si propio, para os demais. A lectura, e o libro, evolucione como evolucione, seguirá a ser o alimento dos individuos con sentido da dignidade personal. O alimento dos cidadáns.
E si, o libro, como as estradas, os portos e aeroportos, o alumado, a sanidade ou a escola pública, precisa apoio. Un apoio democrático, claro. Sen populismos.
E a garantía de que vai seguir habendo libros ao alcance do cidadán foi, é e seguirá a ser a biblioteca pública e mais o libreiro. Non se trata de regalar ou tirar cos libros, trátase de que, nunha sociedade no que hai diñeiro para consumir a eito, os cidadáns, que previamente adquiriron a capacidade e mais o hábito de ler na escola, teñan perto de onde viven unha biblioteca e mais unha librería na que encontren alimento para a súa cidadanía: libros.
Falei de feiras, reclamándoas como a fonte da democracia, e falei de libros, que son os que forman individuos libres, cidadáns. Os protocolos dun pregón da feira do libro aconsellan tamén que se cite a localidade que acolle a feira dun modo encomiástico. A min non se me ocorre máis que dicir que das feiras da Galiza esta feira da Coruña é onde máis libros se venden. Contra a visión tópica das cousas, eu considero que é un grande mérito cívico.”
Etiquetas: