(Foto Sangiao, El Correo Gallego)
Nin os meus peores vaticinios, de hai menos de dúas semanas, agoiraban este novo desastre. Botámonos a chorar?
(Foto Ramón Leiro, La Voz de Galicia)
Actualización (23:00 horas): o verquido semella moi perigoso. As autoridades tratan de evitar que chegue aos bancos marisqueiros de Arousa. Agardemos que funcione a coordinación interinstitucional e as medidas dos técnicos para evitar males maiores.
Aínda que haberá agardar a contar cos datos (descoñecemos a qué se dedica a empresa?, qué produtos utiliza?, desde cando funciona?) todo parece indicar que volvemos pagar a permisividade das pasadas Administracións autonómicas con este tipo de industrias. É posible que unha planta química como esta de Brenntag poida estar ubicada apenas a cen metros dun espazo medioambiental tan sensible como o do río Umia? Semella que esta non é outra catástrofe ecolóxica imprevisible ou motivada por un erro humano inevitable. Haberá tempo de pedir responsabilidades.
(Foto Sangiao, El Correo Gallego)
Actualización (04-09-2006, 07:30 horas): as máis recentes informacións de Medio Ambiente e as publicadas hoxe por diferentes medios sinalan que afortundadamente o verquido comeza a ser controlado. Non estaría de máis que decontado se elaborase un mapa das instalacións de risco, existentes no país, semellantes ás de Caldas, e un plan galego de emerxencias.
(Foto Lavandeira, La Voz de Galicia)
Actualización (04-09-2006, 21:30 horas): é moi de agradecer a actuación rápida, enérxica e determinada de Pachi Vázquez para atallar canto antes a crise. O máis sorprendente das novas de hoxe son as declaracións dos responsables da empresa que atribúen a causa do incendio á “electricidade estática” e ás “elevadas temperaturas”. Se estas circunstancias non están contempladas nos protocolos de seguridade, é para botarse a tremer.