Antonio Vázquez, Director Xeral de Formación Profesional, presentounos hoxe na reunión da Comisión de Seguimento de Gratuidade do Libro Escolar o que serán as maiores novidades do programa de préstamo para o vindeiro curso:
- Reposición do 80% dos libros de 1º e 2º E.P., do 5% do resto dos cursos do programa (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 2º de ESO). Ademais do 100% das áreas que cada centro de primaria imparta en galego en 5º (para adaptalos así á nova normativa ortográfica).
- Extensión do programa de gratuidade a 4º de ESO, cun valor estimado por alumno/a de 230 € (26.000 alumnos, seis millóns de euros).
- Estúdase a posibilidade de que o pagamento se realice por medio da partida de “gastos de funcionamento” de cada centro, o que para o vindeiro curso requirirá a autorización dunha modificación de partida orzamentaria. Con todo, este sistema é o que se utilizará a partir de 2007.
- A reposición dos libros será tramitada polas direccións dos centros.
No posterior debate entre os membros da Comisión (onde estamos presentes, ademais de representantes dos sectores profesionais do libro, representacións dos sindicatos do profesorado, de ANPAS, patronais do ensino privado e membros da Xunta Autonómica de directores de centros educativos públicos) debateuse moito sobre a posibilidade que se abre de que sexan os centros os que xestionen a compra dos libros, unha vella proposta da Xunta de Directores amparada no principio de autonomía na xestión dos centros que recoñece a lexislación educativa. Outrosí, sucedeu coa rebaixa da reposición dos libros ao 5% (a metade do que establecía o programa creado polo PP), medida xustificada tanto polas posibilidades orzamentarias como pola experiencia do bo estado de conservación dos materiais.
Ambas as dúas medida, poñen máis en cuestión o precario papel da rede de librarías de proximidade, continuando os pasos seguidos por modelos de préstamos europeos, hoxe en aberta crise.
A pesar das boas intencións, expresadas polo presidente da Xunta e da conselleira de educación na reunión que mantivemos o mes pasado, as medidas anunciadas para o vindeiro curso son claramente continuistas con respecto ao modelo anterior do PP. Semella que o seu compromiso de estudar a modificación do modelo de gratuidade e todas as alternativas que se poñan sobre a mesa quedará adiada para o vindeiro curso (2007-2008) cando comezará a implantación dos novos currículums da Reforma Educativa en marcha. Unha medida que, tal como están as cousas, parece realista.