Diáspora


Maruja Mallo, Muller con cabra

Recomendo a visita á exposición Diáspora do Marco.

Premios da Crítica Galicia


Xosé Chao Rego e Antón Costa Rico

Levo asistindo aos Premios da Crítica Galicia desde hai máis de vinte anos. As mellores edicións sempre son as que coinciden en periodo preelectoral. Así sucedeu onte, onde todas as intervencións dos gañadores reclamaron abrir un tempo novo, chamadas á esperanza e ao inconformismo coa situación presente (referencias importantes que non vin en información ningunha dos medios, que se limitaron a reseñar as actas dos xurados).
Antón (co de onte, o seu libro xa acada tres premios) en Investigación, Pepe Chao (mágoa que se lle vexa cada vez máis abaixadiño) no de Ensaio, Luis Bará (o concelleiro de Cultura de Teucro) en Música, Farruco Bernal (en representación do equipo galego de Mar adentro) en Artes da representación, e o alcalde nacionalista de Vilar de Santos (promotor do Museo Etnográfico da Limia) en Iniciativas Culturais fixeron dunha ou doutra maneira referencias esperanzadas á necesidade de cambio político.
Mención á parte merece a categoría do discurso de don Xesús, nomeado Galego Egrexio, unha peza oratoria memorable; aínda que me chamou a atención a escasa presenza dos seus colegas, coa excepción de Axeitos, que lle fixo unha fermosa laudatio. O profesor está en plena forma e demostrou nun discurso lido (o que non acostuma) que continúa agudo, combativo e erudito coma sempre adoita.
Xa nos rexoubes dos pinchos, xente ben informada apuntaba a preocupación que en privado amosa o responsable da campaña do PP polos datos que proporcionan as enquisas. Semella que hoxe hai posibilidades reais para a alternativa.

Lamatumbá


Lamatumba

Pedro Feijoo, o baixo de Lamatumbá, é o autor de Viva o furremol, un libro que publicaremos proximamente, onde se desmiuza desde dentro o mundo da música popular en Galicia. Hoxe, despois de revisar outra vez as probas, conclúo que se o sistema literario galego é complexo e difícil, dedicarse aquí á música é unha proeza para xente afouta. A de Lamatumbá tenche un talento especial con folgos arreo e coa alma do Cuco de Velle no peito; éche ben difícil mesturar con soltura rock, samba, reggae, ska cos ritmos de verbena como fan adoito. Unha marabilla. Estes ourensáns son o mellor antidepresivo que coñezo (se tivese que escoller cal é o tema que máis me aleda do disco novo, non sabería qué dicir, todos me prestan). Este verán van dar moito que falar (o seu directo é prodixioso). Lume e festa…!!! (que boa falta fai tal como che está o panorama).

Sandiás

Recibo no correo noticia dunha páxina (non oficial) do concello limiao de Sandiás. A recollida de información é moi exhaustiva e rigorosa. Recomendo a lectura das lendas sobre a lagoa de Antela. Encabeza o sitio un texto do poeta irlandés Seamus Heaney, que constitúe unha declaración de resistencia:

As pequenas culturas teñen unha relación complicada co mundo de hoxe en día. É unha situación de Anteo fronte a Hércules: Hércules é a globalización, e Anteo a posibilidade de resistir. O mito dinos que vence Hércules, mais tamén nós di que Anteo segue a resistir.

Parabéns, Xabier!!!

O blo de Carme Adán

O de Carme Adán si é un blo. Impecable tecnicamente (como cómpre), escrita coidada (algo escura) e posibilidade de colocar comentarios (imprescindible). Son de agradecer o pertinente dalgúns enlaces. Aventuro que estoutro vai perder lectores. Só lle poño unha tacha: o número e o tamaño das fotos é un chisco desmesurado. Agardemos que teña a sorte que merece o seu empeño.

Tastarabás

Onte á noite, despois da estupenda presentación do libro de Victorino, atopeime con Antón para falar do proxecto Tastarabás. O autor de Chirlosmirlos enleouse agora na confección dun catálogo de brinquedos populares, ixolos e enredos e sobre o uso lúdico da natureza. Xa ten confeccionadas 543 fichas destes xoguetes populares, amais de telos construídos a maior parte deles (pódense ver no Museo do Xogo Popular do CEIP de Esteiro). Volvín para casa abraiado coas marabillas que se poden facer cunhas noces ou cunhas follas de eucalipto e máis contento cun pequecho tocando a carraca (axudábame, ben é certo, que a ledicia de escoitar a lamatumbá, o mellor disco do ano). Comprometínme a editar o catálogo en formato de libro enciclopédico de dous volumes (incluíndo case un milleiro de fotos). Aparecerá o vindeiro ano.

Libros sobre libros

O meu amigo, o editor valenciano Joan Carles Girbés, recomendoume hoxe este magnífico sitio de libros sobre libros. Moi recomendable para editores, autores, críticos e demais letraferidos.

Libros de peto

Souben hoxe do seminario que Peter Mayer, o antigo responsable de Penguin, está impartindo en Madrid sobre os libros de peto. O editor de Overlook Press considera este tipo de edición “como o símbolo da cultura democrática de masas”. Diante desta afirmación, volvo preguntarme polas razóns do noso fracaso coa colección de Peto. Non será, quizais, por que carecemos, ainda, dunha masa suficiente de lectores en galego? Poderemos volver intentalo?

"Poeta na cadea"

Baixo o título “Poeta na cadea” atopei esta noticia. Recomendo ler o texto completo e non quedar só co titular e a fotografía (o que facemos adoito). Podería incorrerse nun erro lamentable.

Manifesto dos correctores

Sei por Millán da existencia dun manifesto, aparecido na lista editexto, que reivindica o papel dos correctores na edición de textos e no coidado do uso do idioma. Unha iniciativa oportuna que debería ter o seu correlato en Galicia, onde estes profesionais desempeñan un papel apenas recoñecido.