A noite do domingo lamentei a falta de autocrítica do BNG. Comprendo, agora, que non foi un día doado para ninguén, xa que nos roubaron a posibilidade de expresar a alegría. Sen embargo, Quin, xa dende o luns, tivo os reflexos suficientes e a coraxe necesaria para expresar
autocrítica e confianza no futuro. Actitude que é moi de agradecer e, ata agora, era moi infrecuente, cando non inédita, na fronte nacionalista.
É decepcionante que nos últimos oito anos o BNG perdera 90.000 votos e cinco deputados, esquecendo aquel “sorpasso” das autonómicas do 97, que fixo soñar coa posibilidade de contar cun presidente nacionalista, e volvendo ás posicións do 93. O Bloque parecía derrubarse en cada nova elección fronte á diletancia dos seus responsables. Velaí a necesaria renovación que parase de vez semellante hemorraxia.
Quin fixo nestas autonómicas unha moi boa campaña, mais insuficiente para recuperar o moito terreo perdido durante o último ano e, sobre todo, tras a crise da confección das listas (a verdade é que, de terse enfocado con maior xenerosidade e amplitude de miras por parte de todos, puido ser evitada e, hoxe, os resultados serían sensiblemente mellores).
A pesar do retroceso electoral (previsible, aínda que quizais menos acusado no número de escanos), a posibilidade de facer un bo traballo no goberno é unha oportunidade única para profundizar no proceso de renovación e ampliación do actual espazo político nacionalista galego: transformar ao Bloque nun partido homologable (nacionalista de esquerda, onde cada militante represente un voto) é o reto que Quin e o seu equipo teñen diante. Azos e vontade non parecen faltarlles.