Campo de Fragoso VIII
SUFRIDA EFICACIA
Con esta primeira volta xa moi avanzada, o Celta continúa mantendo a súa sufrida eficacia como mellor fórmula para saír adiante en Balaídos. Onte, o equipo habitual de Fernando Vázquez fixo, como adoita, unha magnífica primeira parte: goleou con beleza, controlou o manexo da pelota con autoridade, mantivo unha disciplinada concentración defensiva e, mesmo, chegou a crear espazos atacantes para o xogo sen a pelota. Porén, como sucedera a pasada semana en Mestalla, veuse abaixo na reanudación, sobre todo, a partir da lesión de Borja Oubiña, engrenaxe indispensable para armar o xogo celeste, tanto pola súa capacidade para desafogar o traballo da defensa, como para distribuír en curto no círculo central e enfocar ao equipo cara a portería rival. Sen Oubiña no terreo de xogo e co Betis encabuxado, amosáronse as habituais carencias defensivas celestes a balón parado (cada córner foi un calvario salvado in extremis por San Pinto). Por riba, a teimosía de Fernando de non procurar alternativas ao seu patrón de xogo, convencido de que chegaría ese contragolpe de Baiano que permitise liquidar definitivamente o partido, provocou que unha parte da esixente bancada de Río o apupase e outra chamase sen éxito polos caneos tranquilizadores de Gustavo López. Vázquez ten razóns dabondo para defender a traxectoria solvente do seu equipo, de novo en postos de Liga de Campións, mais tamén o noso adestrador debe saber escoitar con humildade á sofridísima bancada que ansía poder gozar dunha maior excelencia do xogo e aspira a unha resolución menos agónica dos encontros.