"Poeta na cadea"

Baixo o título “Poeta na cadea” atopei esta noticia. Recomendo ler o texto completo e non quedar só co titular e a fotografía (o que facemos adoito). Podería incorrerse nun erro lamentable.

Manifesto dos correctores

Sei por Millán da existencia dun manifesto, aparecido na lista editexto, que reivindica o papel dos correctores na edición de textos e no coidado do uso do idioma. Unha iniciativa oportuna que debería ter o seu correlato en Galicia, onde estes profesionais desempeñan un papel apenas recoñecido.

Críticos e reseñistas

Alejandro Gándara comenta no seu blo a aparición recente do libro do crítico da polémica. A disquisición entre o papel do reseñista e o do crítico pon sobre a mesa, outravolta, o papel da crítica no sistema literario e na promoción da lectura e dos produtos editoriais.

As curtametraxes

Pasei a tarde baixando e vendo as curtametraxes. Vaia traballón!!! Quedei abraiado polo esforzo e pola calidade media da maioría. Emocioneime, rin, anoxeime, tomei notas: “a maldita memoria é coma ter un ourizo na cabeza”. Beizóns para os promotores, poucas veces foron tan merecidas.

Púrpura para Amanda

O sábado participei no acto de entrega do Premio de Relatos Os Viadutos para menores de trinta e cinco anos, que dende hai sete anos organiza o concello. Alí souben de Manuel Antonio Lourenzo Sobral, un mozo de Arcade, licenciado en filoloxía (está facendo o postgrao sobre o galego exterior con Quique Costas). Manuel é o autor de “Púrpura para Amanda”, o relato que os membros do xurado declaramos (sen dúbida ningunha) como gañador. Un conto impresionante, arredor da tortura e do golpe de estado de Chile en 1973, literariamente redondo. Ao remate, contoume que era a primeira vez que mandaba algo a un concurso e que tiña un fachico de contos na gaveta. Volvín para casa contentísimo. Aí veñen novas xeracións de narradores galegos cun pulo poderoso!

Cambio galego


Anxo Quintana e Carmen Adán

Onte asistín á conferencia de Quin. O público, a maioría militantes, entregado. Bonita e sobria a presentación de Carmen. A intervención do candidato clara, didáctica, moi ben estruturada, aínda que, na miña opinión, falta dun chisco de emoción (algo que podería corrixir doadamente). Fixo múltiples referencias a necesidade do “cambio” (a palabra maldita”, adxectivándoa, nalgúns caso, como “galego”). Gustoume moito a súa defensa da rexeneración democrática e a proposta de redistribución de oportunidades; sen embargo, as referencias ao desenvolvemento do autogoberno (Novo Estatuto e novo modelo de financiamento) foron máis vagas. Na proposta de esquema de goberno (moi moderna e innovadora) botei en falta unha referencia máis explícita ao enfoque da política cultural e lingüística (apenas a creación do Instituto Castelao de promoción da lingua e literatura galegas no exterior), que semellaría axeitada que fose no seu modelo unha área de carácter transversal. Por último, aconsellaríalle con todo o agarimo que nas súas intervencións fixese unha referencia a Beiras, que ben a merece, e, por riba, alentaría a confianza do público.
En fin, Quin amosou un bo ton para acometer a difícil empresa que lle agarda nas vindeiras semanas.

Ponte de esperanza

Meniños cantores

O máis bonito que sucedeu onte.

Onde vou?

Non comparto a mala fama que ten Sal como cidade de escasa actividade cultural. Teño o corazón dividido polos convites que recibo para o serán de mañán: conferencia de Quin no Clube Faro, inauguración de Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (a exposición que comisaria Carlos Bernárdez) e presentación de Balada Solitaria, o último poemario de Fran. Non sabe un a que chamada acudir, todas á mesma hora nun radio de apenas cincocentos metros. Os tres son amigos, os tres actos, con certeza, moi interesantes. Aos tres dixen que iría. Onde vou?

Tipografía galega


Tipografía galega

Beizóns para o novo proxecto de Aduaneiros de recuperar a tipografía galega. Moi bo!

Estamos con vosotros

Transcribo o texto do correo anónimo que recibín hoxe e sinala anda percorrendo apoios fóra de Galicia:

ESTAMOS CON VOSOTROS.
Somos muchas las personas que miramos a Galicia desde fuera con ojos atentos. Vemos en vosotros un país que nos atrae y vemos también cosas que no comprendemos.
¿Cómo un país que demostró fuerza y dignidad para gritarle “nunca máis” a un poder que lo despreció sigue dando esa imagen de país encerrado en un tiempo pasado y bien pasado?
¿Cómo una sociedad que da muestras de ser creativa y dinámica permite que siga marchando su juventud y con el índice de nacimientos más bajo de Europa?
Desde fuera, desde España toda y desde toda Europa vemos que Galicia está ante una decisión histórica. Creemos que va a ser esa juventud que vimos movilizarse para defender el mar y la tierra, esa juventud que lanzó ese “nunca máis”, esa consigna de rebeldía y de esperanza al mundo a que decida el dilema.
Deseamos que Galicia opte por el futuro, por vivir el tiempo de la libertad y opte por la esperanza. Nosotros estaremos aguardando conocer esa nueva Galicia que sabemos que ya existe.

(ESTAMOS CONVOSCO.
Somos moitas as persoas que ollamos a Galiza dende fóra con ollos atentos. Vemos en vós un país que nos atrae e vemos tamén cousas que non comprendemos.
¿Como un país que demostrou forza e dignidade para berrarlle “Nunca máis” a un poder que o desprezou segue a dar esa imaxe de país encerrado nun tempo pasado e ben pasado?
¿Como unha sociedade que dá mostras de ser creativa e dinámica permite que siga a marchar a súa xuventude e co índice de nacementos máis baixo de Europa?
Dende fóra, dende España, dende Europa toda, vemos que a Galiza está ante unha decisión histórica. Cremos que vai ser esa xuventude que vimos mobilizarse para defender o mar e a terra, esa xuventude que lanzou ese “nunca máis”, esa consigna de rebeldía e de esperanza a todo o mundo a que decida o dilema.
Desexamos que a Galiza opte polo futuro, por vivir o tempo da liberdade e opte pola esperanza. Nós estaremos agardando coñecer esa nova Galiza que sabemos que xa existe.)