The White Ravens 2005

Outra noticia da Fiera foi coñecer o Catálogo de The White Ravens 2005, onde aparecen relacionados os famosos corvos brancos cos que a Biblioteca Internacional da Mocidade de Munich distingue cada ano a calidade de libros infantís e xuvenís editados en máis de trinta linguas de cincuenta países. Á lista galega haberá que engadir O brindo de ouro de Xesús Manuel Marcos (Premio Merlín 2005), Bolboretas de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas ( omellor libro de 2004 para pawley) e ¿Que contan as ovellas para durmir? de Kiko Dasilva.
Causoume extrañeza que na lista castelán se incluíse El armiño duerme de Xosé Antón Neira Cruz, tradución do orixinal galego (o formidable O armiño dorme), galardonado co Premio Raíña Lupa 2002 e editado en 2003. O seu autor foi o único dos distinguidos galegos que puido recoller en Bologna o catálogo; coincidimos con el fugazmente no estand dos editores cataláns.

Autores a seguir

O máis bonito da Fiera é contrastar os descubrimentos que fixo cadaquén.
No libro ilustrado os editores franceses continúan ofrecendo bo gusto e unha innovación permanente. Sen embargo, na ficción para xoves (esa “young fiction” tan popular hoxe) os autores e autoras en fala inglesa son os que máis expectativa crean. Apunto algunhas pistas a seguir: Aidan Chambers (Premio Andersen 2002, apenas traducido en castelán, coa excepción dese soberbio Postales de la tierra de nadie, un dos mellores libros sobre a identidade sexual que teño lido); Sandra Gloover (na feira presentábase a súa última novidade, Spiked!); Philip Pullman (Premio Astrin Lindgren deste ano, de quen se teñen traducido varios dos seus títulos, Marilar recomenda Luces del norte); Melvin Burgess (o autor do guión e da novela de Billy Elliot, de quen hai traducido ao galego (sen cortes ningúns) a estremecedora Ionqui e que, recentemente publicou a durísima Doing it).
Sen esquecer nunca nesta relación, ao grande dos grandes (é a miña querenza) Jostein Gaarder, claro! Produciume unha intensa emoción ver as edicións orixinais dos seus libros en noruegués no estand de Aschehoug. Gaarder amosa que é posible o nos soño.

Censura

Jordi Sierra i Fabra expúsoo con claridade no coloquio de autores: ” a censura está maltratando os nosos libros. Pido aos editores un pouco de respecto e que lle fagan menos casos aos seus comerciais e ás APAS“.
Estou de acordo con prolífico autor catalán (fai unha literatura realista, comprometida, dura e directa). Algúns editores estanse deixando enganar polo engado da prescrición escolar dos libros de literatura infantil e apostan polo “politicamente correcto”. Sei que este non é o caso dos editores galegos (moitos editores sorpréndense que editemos algúns libros), mais tamén teño a convicción de que a denuncia de Jordi é certa. Honestidade, sinceridade, valor e verdade son principios que debemos defender os editores que pretendemos formar un criterio literario e moral cos nosos libros.

Día Roald Dahl


Día Roald Dahl

O venres foi o día dedicado na Fiera a Roald Dahl. Random House, a nova editora do xenial escritor inundou os corredores con enormes bolsas azuis baixo o rótulo de Verses and songs, o novo libro que promocionan. Chamoume a atención que o estand do xigante da edición americana (propiedade dos alemáns de Círculo de Lectores) estaba situado, fronte con fronte, con Penguin (os editores ata agora de Dahl). Velaí a competencia feroz.
O interese pola obra de Dahl segue vivo (sobre todo en Italia e nos países de fala inglesa), un feito que me anima moito, cando nos acabamos de editar os nosos dous Charlies.

Beber soños con palabras descarreiradas

O momento máis interesante da Fiera foi o coloquio dos autores convidados polo Ministerio de Cultura. Felicidad Orquín moderou unha mesa na que propuxo a Emilio Pascual, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Jordi Sierra I Fabra e Gustavo Martín Garzo que abordasen, durante vinte minutos, a súa visión sobre “Unha nova literatura para distintas realidades“. En realidade tratábase de que cada un deles expresase a súa poética sobre este subxénero, a chamada literatura infantil e xuvenil, a que aborda os temas do noso tempo e que, teoricamente, vai destinada a un público específico, o dos nenos e nenas. Apuntei na libreta a atinada definición que Felicidad fixo da LIX: “literatura complexa de escritura transparente.
Mágoa que o coloquio, de grande calidade literaria, fose case clandestino (medio cento de asistentes, editores españoles na súa grande maioría), e tivese escasa repercusión (a pesar de contar cunha destacadísima participación galega, os medios galegos non deron noticia ningunha, se facemos a excepción da nota de Europa Press sobre o desenvolvemento da Fiera, elaborada por unha colaboradora de Kalandraka presente na feira). En Bologna só estaban presentes as cámaras de TV3 que seguían a presenza da Conselleira de Cultura da Generalitat. O fracaso organizativo do Ministerio, sendo España o país convidado, foi evidente.
As intervencións máis acaídas do coloquio foron as dos autores galegos. Tanto Marilar como Agustín brillaron, ofrecendo senllos discursos fermosos, literariamente ben construídos sobre a súa concepción da literatura infantil e xuvenil.
Marilar construíu a súa intervención arredor da idea de que as palabras descarreiradas necesitan, igual ca os soños, ser plantadas de novo para que delas agrome unha nova realidade. Explicou como palabras descarreiradas como desventura, rapaza, disidente foron o xermolo de tres das súas obras (A expedición do Pacífico, A banda sen futuro e Rúa Carbón, a novela inédita que Xerais publicará en maio), reivindicando o papel que nesas novelas realiza dos soños “o futuro non está escrito en ningures”), da memoria (“permite disolvernos da desolución da morte) e do conflito (“sermos capaces de cruzar as liñas de fronteira”). Marilar rematou a súa intervención (xenial!!!) propoñendo a necesidade de que lectora e lector asuman riscos, sen eles non se poden acadar os soños.
Pola súa banda, Agustín construíu a súa poética a partir da afirmación, “todos os meus libros están tecidos cos fíos da miña vida” e das citas de Cunqueiro, “precisamos beber soños coma quen bebe auga”, “un escritor debe ter a obriga de contar a totalidade humana”. A partir delas, argumentou que inventa historias nun contexto realista, nas que paradoxicamente irrompe un elemento fantástico, xa que isto permítelle profundizar na realidade (“Aquí, negro sobre branco, rexen outras leis”), rememorando o verso da premio Nobel polaca Wislawa Szymborska. A partir de aí puxo algúns exemplos dos seus libros (Aire negro, Cos pés no aire, No corazón do bosque…), reivindicando unha novela que funcione coma un iceberg, aspirando a dirixirse a lectores de todas as idades.

Media Vaca


Muñoz Bachs

Impresionáronme os libros de Media Vaca. Esta é unha pequena editorial, nacida en Valencia hai seis anos, que se dedica a editar tres libros ilustrados cada ano, tanto para adultos como para nenos. Hai meses publicou os Retratos furtivos de Luís Seoane. O seu catálogo é prodixioso, deses poucos nos que un quixera contar con todos os seus libros. Recomendo vivamente Crímenes ejemplares de Max Aub, Alfabeto sobre la literatura infantil de Bernardo Atxaga, e, sobre todo, No tinc paraules de Arnal Ballester. O traballo dos ilustradores é espectacular (Carlos Ortín, Noemí Villamuza, Alejandra Hidalgo…) . Media Vaca é a edición concibida como un oficio artesanal. O sitio web é tan coidado como o catálogo (recomendo unha visita demorada).
Media Vaca forma parte dese selecto grupo de editores del País Valenciá, como Edicións de Ponent e Edicións Bromera (coa que nós colaboramos estreitamente) que están ofrecendo unha edición de cultura de calidade para un público amplo.

Editor emigrante

Unha das mellores cousas que me sucederon estes días foron as horas de conversa devagariño con Vicente Paz Fernández, o máis veterano editor educativo brasileiro. Nacido en Camoedo, Sada, emigrou hai corenta anos ao Sao Paulo. Mestre formado na Coruña, fíxose editor no Brasil, onde dirixiu durante vinte e cinco anos Ática e Scipioni, as dúas primeiras editorais de libro de texto en fala portuguesa (editan millóns de exemplares). Desde hai un ano, promove un novo proxecto, Escala educacional, que xa leva editado máis dun centenar de títulos.
Vicente fala unha lingua fermosa, mestura do galego mamado na beiramar ártabra e o portugués paulistano, que cativa pola súa prudencia e entusiasmo. Moito lle agradecín estes días nos cafés da mañá (tiven a fortuna de atopalo hotel) a insistencia que me fixo na idea de que o traballo da edición se basea no coñecemento como principal materia prima. Deume moitos azos e moitos agarimos de editor veterano, culto e elegante.
Voamos xuntos para Galicia (ven visitar ao seu irmán) e comprometémonos a colaborar en proxectos comúns (traducirá varios títulos xuvenís nosos). Mágoa que Vicente sexa un total descoñecido no seu propio país. O seu traballo como editor emigrante merecería ser valorado.

OQO Editora

Tras o coloquio cos escritores, soubemos do nacemento de OQO editora. Tres rapazas entregaron tarxetas desta nova editora de literatura infantil, con sede en Pontevedra. O novo proxecto, animado por Eva Mejuto (a quen onte botabamos en falta na Feira, ela chegou hoxe), pretende ter listo os seus catro primeiros libros dentro dun mes e medio. O logo da editora e as súas palabras fundacionais son atractivas:
A nada non é espazo baleiro, senón medio de creaciòn de vida. O noso espazo, cheo de ar, está impregnado de sementes, na realidade e na imaxinaciòn. Calquera burato suxire a existencia dunha voz, mais hai unha trampa máis evocadora ca un simple burato redondo: pozo sen fondo ou cráter de volcán, ollo, boca, sol…

Kalandraka

A única editora galega con estand propio é Kalandraka. As tres persoas, que están na feira, da editora de álbums infantís non paran. Kalandraka Editora S.L., a matriz pontevedresa, diversificouse en apenas cinco anos, conformando unha rede de edición en varias linguas e de exportación a diversos mercados; desa necesidade naceron: “Kalandraka Ediciones Andalucía“, “Kalandraka Editora Portugal” e a propia empresa de comercialización e distribución da rede. A calidade e orixinalidade do seus álbums revolucionou o mercado, sendo reconhecida de xeito unánime polo sector. Parabéns para Ballesteros e cía.