Onte 343: «Contrato con Deus», un piar da novela gráfica en galego
Dentro do excelente labor de ampliación da oferta de obras traducidas para o galego realizado dende 2005 por Rinoceronte Editora, a colección de novela gráfica dirixida por Breixo Harguindey é un dos seus maiores acertos. Tras a publicación de Persépole e Na procura de Ed o Riseiro, a do Contrato con Deus de Will Eisner, en magnífica tradución de Eva Carrión, supón a consolidación do proxecto e a súa apertura a un público amplo. As catro historias protagonizadas por un tenement da Avenida Dropsie, un edificio de inmigrantes do Bronx novaiorquino, constitúen un espectacular retrato da loita pola vida dos máis humildes durante aqueles sucios anos trinta. A morte, o amor, a cobiza, a gloria efémera, o fracaso son algúns dos temas das historias que se desenvolven entre os límites deste «barco aboiando sobre o comento». Como La ciudad de Frans Masereel, esta de Eisner é obra fundacional dun xénero que o autor das tiras de The Spirit bautiza como «novela gráfica», o relato literario de vidas humildes combinando palabras e imaxes. Hoxe, en pleno proceso de tránsito entre soportes, a novela gráfica representa un dos xéneros máis punxentes na industria internacional do libro. Un fenómeno ao que non é allea a edición en galego, tanto polo esforzo de editoras especializadas como El Patito Editorial, Demo editorial, BD Banda ou Retranca Editora, como polas coleccións específicas das editoras xeralistas como esta de Rinoceronte ou a que abriremos en Xerais en outubro coa publicación de Cartas de inverno de Antonio Seijas e a primeira entrega da serie infantil Marcapola de Jacobo Fernández Serrano.
Unha pequena corrección. Malia o que se pode ler nos créditos do propio exemplar, a tradución é de Eva Carrión. Así consta na páxina da editora:
http://www.rinoceronte.es/index.php?op=ver&id=1352