Está vendo o arquivo da categoría » coroa_vexetal

Anel verde

bretemas —  24 de Outubro de 2017 — Deixa un comentario

Tras a catástrofe incendiaria, dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a propoñer unha nova ordenación da coroa vexetal viguesa:

Non hai dúbida que a ría de Vigo, protexida pola barreira natural das Illas Cíes, e mais o anel verde que rodea a cidade metropolitana son os dous maiores tesouros naturais cos que contamos. Un anel forestal que protexe e osixena a nosa contorna urbana, espazo das actividades simbióticas das parroquias do periurbano vigués, que ofrece ademais posibilidades para o lecer da veciñanza na ducia dos seus parques forestais e nos seus miradoiros desde os que é posible gozar dunha extraordinaria visión panorámica do anfiteatro da Ría e da paisaxe do Val do Fragoso. Un anel atravesado polos corenta quilómetros da chamada “Senda Panorámica de Vigo” (GR-53), unha rota de senderismo pola que é posible camiñar por terra dende Saiáns até Teis, atravesando o Monte dos Pozos de Valadares e o Campus das Lagoas de Marcosende, visitando os petróglifos de Fragoselo, o castro de Estea no monte das Medoñas de Saiáns, os dólmenes de Candeán, os muíños e o encoro de Zamáns, gozando das vistas do parque da Guieira en Comesaña e as do Alba e do Cepudo en Valadares, ao pé do Galiñeiro, ou sentindo no verán a frescura e o acougo das zonas de xantar e descanso existentes en cada un dos once parques forestais que atravesa. Unha camiñada marabillosa que merecería ser aínda máis coñecida e valorada polos propios vigueses e mellor promocionada entre os que nos visitan.

Unha coroa arborada compacta de máis de 70 hectáreas non exenta de perigos, xa que apenas conta con devasas e está conformada por especies pirófitas, como piñeiros, eucaliptos e acacias. Un anel vexetal único nas cidades da fachada atlántica, que se estende dos montes de Fragoselo aos de Vixiador e a Madroa, sendo na súa maior parte de propiedade e xestión comunal. Unha coroa natural que os voraces incendios na nosa área metropolitana, –tanto nas parroquias do Val Miñor, Chandebrito, Camos e Vincios, como nas viguesas de Coruxo e Valadares– puxeron hai poucos días en moi serio perigo. Unha catástrofe incendiaria declarada no mesmo bordo urbano que se fixo presente no casco vigués, con algúns lumes na cidade nova de Navia e ao pé do Monte do Castro. Un incendio, e isto é o máis doloroso, que truncou na comarca viguesa a vida de tres persoas e a de moitos animais, devastou algunhas casas, avíos e varias hectáreas de arborado. Unha alarma que, ademais do medo, indignación e raiba provocada na veciñanza, activou decontado o ADN galego da xenerosidade e da solidariedade (por ventura tan intenso na nosa mocidade) e abriu, inevitablemente tamén, o debate sobre a xestión, protección e recuperación do monte vigués.

Un incendio que cando as cinzas aínda están quentes obriga ás comunidades de propietarios a repensar, máis aínda no marco dos efectos xa incuestionables do cambio climático, a forma de explotación e conservación deste anel periurbano, tanto na súa delimitación no novo Plan Xeral como na elección de novas especies para a súa recuperación. Algo que semella factible ao fío de experiencias exitosas como as iniciadas por algunha comunidade de montes, como a de Teis, que xa ten en marcha un proxecto de fraga atlántica coa plantación de especies autóctonas como carballos, castiñeiros, cerdeiras, salgueiros, amieiros ou bidueiras, moito máis resistentes ao lume que as habituais. Como tamén parece imprescindible nesta xeira a realización de devasas e a delimitación de zonas sen arboredo, capaces de actuar como curtalumes e evitar a chegada do fogo ás zonas de vivendas, polígonos industriais ou equipamentos tan vitais como o Hospital Álvaro Cunqueiro. Como é necesario intensificar a limpeza do monte e as tarefas de conservación ao longo de todo o ano, sen esquecer conseguir no eido lexislativo a prohibición da plantación de eucaliptos e especies pirófitas na proximidade de zonas urbanas.

Xaora, acometer esta nova reforestación con frondosas do noso anel verde, creando soutos e carballeiras, requerirá un amplo nivel de acordo entre as comunidades de montes e o concello de Vigo, que debería constituírse en promotor e garante desta estratexia. Un proxecto de dimensión metropolitana, no que é imprescindible a coordinación cos concellos da área, cuxo importante financiamento debería correr a cargo da Xunta, a administración con competencias na materia, mais ao que tamén podería contribuír a propia Unión Europea. A iniciativa da Concellaría de Medio Ambiente e Vida Saudable de colaborar cos comuneiros de Valadares e cun grupo de voluntariado nos primeiros traballos contra a erosión das zonas queimadas é un primeiro paso moi alentador nesa liña. A reordenación do monte vigués utilizando criterios de sostibilidade medioambiental constituiría a máis eficaz das políticas contraincendios do noso anel verde, un dos tesouros naturais ao cargo da nosa comunidade.