Abraiante o mural realizado polo alumnado e profesorado do IES As Barxas de Moaña deconstruíndo ao xeito rosaliano o cadro de Delacroix «A liberdade guiando ao pobo». Unha peza de seis metros de longo e case tres metros de alto que volve demostrar a atracción icónica de Rosalía capaz de continuar conectando coa mocidade como ningunha outra figura da nosa cultura. Como se pode comprobar no vídeo que preparou a profesora Luz Beloso, un código QR nun dos laterais do mural permite acceder dende o mobil ao vídeo animado da «Xustiza pola man», un dos poemas emblemáticos de Follas novas preparado o pasado curso polo alumnado do mesmo instituto. Esta Rosalía afouta das Barxas guiando ao pobo galego énchenos os depósitos de entusiasmo e esperanza. Marabilla destoutro traballo do alumnado e profesorado de 4º de ESO e 1º de BAC do Obradoiro de Artes Plásticas deste centro público de Moaña. Beizóns!!!
Artigos

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é editor e mestre. Na actualidade, profesor do CEIP Lope de Vega de Vigo, foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990.