Está vendo o arquivo da categoría » a_cruz_dos_caídos

Onte 1232: Cruz latina

bretemas —  11 de Febreiro de 2015 — Deixa un comentario

Desacougoume onte a noticia da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revocando o derribo da Cruz dos Caidos do Castro. Reducindo este símbolo fascista a súa condición de «cruz latina» e, polo tanto considerándoa apenas como un símbolo relixioso propio da tradición cristiá, o Superior evita a demolición á que obrigaba a modélica sentenza do xuíz Antonio Martínez Quintanar e a Lei de memoria histórica, mais perpetuarase na memoria dos vigueses e viguesas como icona da ditadura franquista. No entanto, o voto particular de Cristina Paz Eiroa, unha das tres maxistradas, advirte que «a pesar da retirada da simboloxía accesoria [a cruz] non pode considerarse desvirtuada da súa natureza orixinal», abondando así no feito que nunca tivo significación relixiosa, a pesar de que a igrexa católica participase na súa inauguración por Franco e noutras cerimonias políticas do réxime. Manter este vestixio franquista e de exaltación da sublevación militar, diante da casa do concello, impide transformar o monte do Castro no espazo vigués da reconciliación, da memoria e da paz.

A Cruz dos Caídos

bretemas —  9 de Setembro de 2014 — 1 Comment

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a sentenza que obriga ao concello de Vigo a retirar a «Cruz dos Caídos».

cruz-caidos-2A chamada “Cruz dos Caídos” do monte do Castro deberá ser retirada tras a sentenza do 4 de setembro do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo. Acéptase así o recurso presentado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 contra a resolución do Goberno Local de Vigo de marzo de 2013 que rexeitaba a súa solicitude de retirala, ao fío do establecido pola “Lei de Memoria Histórica” de 2007. Unha sentenza modélica para o avance do proceso de recuperación da memoria en Galicia que evidencia a falacia dos argumentos daqueles que defenden manter en pé un monumento sen valores artísticos ningúns que funcionou durante medio século como símbolo da exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil, da represión e da ditadura franquista.

Lembremos que a “Cruz dos Caídos” foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 por Franco, nunha xornada marathoniana na que chegou a Vigo a bordo do Azor, visitou primeiro a Estación Marítima recén construída, despois a factoría das furgonetas de Citroën, inaugurou a dos Alfares de Pontesampaio e rematou nas illas Cíes inaugurando un monolito de dezasete metros de altura a el dedicado polas falanxes pontevedresas, demolido hai seis anos pola Xunta. A “Cruz dos Caídos” fora construída polo concello de Vigo a proposta da xunta local de Falange en 1959, no marco dunha campaña que inzou as cidades deste tipo de monumentos cos que se pretendían homenaxear aos “caídos por Deus e por España”, como a propaganda da ditadura chamaba ás vítimas do bando nacional. Dende a súa inauguración, ao pé da cruz do Castro organizáronse actos políticos de exaltación do réxime e lembranzas cada 20 de novembro da figura de José Antonio. Foi tamén alí o lugar escollido polos franquistas vigueses, como quedou recollido pola cámara de Magar, para homenaxear ao caudillo tras o seu pasamento.

A redacción desta sentenza do maxistrado xuíz Antonio Martínez Quintanar desmonta os argumentos utilizados polo concello para evitar a retirada da cruz do Castro. Primeiro, o monumento non ten nin nunca tivo significación relixiosa, a pesar de que a igrexa católica participase na súa inauguración e noutras cerimonias políticas. Segundo, a pesar de que lle foron retirados algúns elementos iconográficos e lemas fascistas, o monumento conserva o seu significado propagandístico e simbólico da sublevación militar golpista e dos vencedores da Guerra Civil tanto pola súa ubicación estratéxica como pola súa estética e deseño arquitectónico prototípico. Terceiro, o monumento non pode ser considerado como un símbolo de reconciliación e paz, xa que a pesar do acordo municipal de 1981, adoptado por unanimidade sendo alcalde Manuel Soto, ningún dos gobernos locais seguintes, por razóns diversas, chegou a colocar alí a placa acordada coa lenda “Polos mortos na Guerra Civil 1936-1939” nin nunca se rebautizou como “Monumento aos caídos”. En definitiva, a sentenza amosa que a “Cruz dos Caídos” non pode ser considerada como un espazo nin relixioso nin de reconciliación. Xaora, esta peza funciona como ferida aberta na memoria dos cidadáns que sufriron a represión franquista e dos seus familiares, e tamén como símbolo permanente da exaltación dun ideario antidemocrático, por ventura xa superado. Esquecer o que representa historicamente este tipo de pezas arquitectónicas da ditadura, negar a súa inequívoca connotación antidemocrática ou minusvalorar a súa transcendencia actual son tres formas da mesma estratexia de intentar convertir á ditadura de Franco nun inocente réxime autocrático. Algo tan inxusto como inasumible para os familiares que aínda agardan a recuperación da memoria e a xustiza negada até hoxe para os seus.

Non teño dúbida que o concello de Vigo debe acatar a sentenza e retirar decontado a “Cruz dos Caídos” e os baixorrelevos de soldados e mariños que se conservan ao pé do Castro. Adoptando esta decisión, os membros do goberno municipal socialista presidido polo alcalde Abel Caballero expresarían a súa inequívoca convicción democrática e respecto pola memoria republicana. Como creo que é imprescindible que os concelleiros vigueses do Partido Popular abandonen a súa posición belixerante coa desaparición de todos os símbolos da Ditadura e da sublevación militar dos espazos públicos e a súa morneza na critica do franquismo e das súas prácticas autoritarias e antidemocráticas.

Unha vez desaparecida a “Cruz dos Caídos” da aba do monte do Castro, a carón do Campo de Granada, debe ser transformado no espazo vigués da reconciliación, da memoria e da paz. Realizar alí un acto civil de homenaxe ás vítimas da represión e de exaltación dos valores democráticos é imprescindible para conseguilo.