Viaxeiros na propia terra
No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha nova ollada para percorrer os vieiros vigueses.
O meu admirado Xabier P. DoCampo na nota introdutoria d’ «O libro das viaxes imaxinarias» (Xerais 2008) escribiu algúns dos parágrafos máis fermosos e luminosos que teño lido sobre a experiencia da viaxe. «Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar para facer da viaxe relato.» «Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto.» Dúas citas coas que DoCampo expresa a súa convicción de que a viaxe é unha experiencia na que procuramos a beleza ou agardamos atopar ao chou aquilo que nos emociona. Unha experiencia que nos constrúe como seres humanos, facilitándonos aprendizaxes e activando a memoria, axudándonos a madurecer e a compartir coas persoas queridas unha parte das nosas vidas. Eis a importancia da viaxe e do seu imprescindible relato, sexa pola narración oral ou escrita que fagamos sexa polas testemuñas visuais, esas instantáneas que apreixamos roubándollas á fugacidade da luz. Xa non é imprescindible para realizar a viaxe afastarse milleiros, mesmo centenares, de quilómetros do limiar da casa. É posible, tamén, percorrer devagariño as rúas e vieiros da propia cidade coa actitude inocente do viaxeiro, coa ollada á espreita disposta á sorpresa e o abraio.
Nesta semana de san Roque, na que Vigo colle un acougo, atopamos os días máis acaídos para sermos viaxeiros dentro da nosa cidade guindastre. Actitude curiosa que recomendo adoptar para gozar e redescubrir unha cidade que se amosa renovada e fermosa, a pesar da dureza das ameazas provocadas pola crise de corrupción política e de deflacción económica sobre os nosos sectores produtivos.
Con esta actitude recomendo que os vigueses de todos os barrios se acheguen a ruar sen medo polos nosos cascos históricos, tanto o Casco Vello do centro como o de Bouzas, nun proceso xa irreversible de recuperación urbana. Do serán á noitiña as rúas e prazas arredor da Colexiata, incluída agora tamén a da Princesa e a mesma Porta do Sol, son un fervedoiro de xente nova (e non tan nova) nas terrazas coma non lembramos dende os anos setenta da nosa adolescencia. Mais non só hai que reparar nos bares, en todo o barrio, tanto no que se arremuíña arredor do castelo de San Sebastián como no delimitado polas rúas Real e Poboadores, atopamos edificacións recuperadas con respecto á memoria arquitectónica e novos locais comerciais moi xeitosos e orixinais. Non é esaxerado dicir que xa é posible atopar algunha sorpresa en cada praciña, o que non agocha que aínda quede moito, moito por facer, como se pode comprobar coa precariedade das fachadas do Berbés ou coa existencia de varios locais de puterío ao pé da mesma Pinacoteca. Sen dúbida, esta nova fasquía é un éxito da estratexia paciente de rexeneración acometida polo Consorcio do Casco Vello, no que participan Xunta e Concello, así como non foi allea á corresponsabilidade asumida pola asociación veciñal e de comerciantes nas tarefas de animación socio-cultural e participación. Tamén é moi recomendable gozar da peonalización da praza da Independencia e do Calvario, onde o proceso de humanización da rúa Urzaiz foi capaz de darlle a todo o barrio unha volta coma a dun carpín.
Como é moi recomendable camiñar polos paseos da beiramar viguesa, abertos dende a Etea (indigna o estado de desleixo e sucidade das antigas edificacións e instalacións da Mariña) ao esteiro do Lagares, para participar nesa experiencia extraordinaria de solpor sobre as Cíes e a banda do mar. Coa excepción dos peiraos de Guixar, Berbés e Beiramar, aínda pechados a cal e canto ao acceso público pola Autoridade Portuaria, é unha beizón camiñar polos das Avenidas e da Estación Marítima. Como é outra experiencia recomendable percorrer os máis de dous quilómetros abertos no perímetro do recheo de Bouzas, onde é posible, nalgunha ocasión, pasmar diante das manobras das embarcacións do cerco. Como é outra marabilla seguir o vieiro aberto dende a praia de Bouzas á do Matadeiro de Alcabre, ao pé do museo do Mar, para xa logo continuar a camiñada cara a Samil. E non esquezo nin o vieiro aberto na marxe do Lagares de Bembrive a Muíños nin os moitos paseos posibles polos parques urbanos de Castrelos e do Castro, ambos os dous moi mellorados polo concello, nin os existentes na rede de parques forestais da nosa coroa natural periurbana. Nin navegar un día a Cíes ou á illa de San Simón ou a…
Recomendo demorarse nos vieiros vigueses coa mesma curiosidade e emoción do viaxeiro que os pisa por vez primeira. Paga moito a pena gozar da súa beleza e poder contala e compartila como un exercicio de autoestima cidadá. Si, propoño sermos viaxeiros na propia terra.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir