Un plan para o Castro
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a propoñer un plan director para o arranxo do monte do Castro:
Somos moitos os vigueses que, sobre todo durante as fins de semana, camiñamos polos vieiros do monte do Castro. Como son moitas as familias que acompañan aos seus picariños nas zonas de xogos e bicicletas ou as atletas e ciclistas que utilizan este espazo natural para facer deporte. Paseos e camiñadas nas que aínda é posible identificar o rechouchío dos paxariños da cidade, gozar do aroma da terra mollada e mol nos seus vieiros, e a fragrancia do amplo catálogo forestal e floral alí acubillado como un auténtico tesouro urbano. Rotas coñecidas dende a nosa infancia, consolidadas polas pegadas sobre o xabre de varias xeracións, por fortuna aínda conservadas na maior parte como hai décadas, nas que hoxe dá xenio escoitar as novas voces dos vigueses inmigrantes ou o zunido das bicicletas acrobáticas baixando a escape cara o Campo de Granada.
Camiñadas nas que é inevitable deterse a enxergar durante uns segundos o horizonte das Cíes e pasmar coa beleza da ría e o estrépito das instalacións portuarias ou as do farturento e industrial Val do Fragoso, dende o miradoiro das áncoras de Rande ou asomándose ás propias murallas do Castelo (a 147 metros de altitude sobre o nivel do mar) das que o concello derrubou tan acertadamente a edificación hosteleira que tanto as afeaba. Para o cruceirista ou turista ben informado, como para o veciño transformado en viaxeiro curioso na propia cidade, a visita do Castro constitúe unha oportunidade magnífica para achegarse á historia e á orixe de Vigo, xa que ese pulmón vexetal urbano contén tamén o seu ADN.
No Castro está a orixe castrexa de Vigo, unha auténtica protocidade asentada no chamado monte Feroso, aínda sen desenterrar na súa maior parte, que puido ocupar case 17 hectáreas e contar con 5.500 habitantes, como sinala Carlos Núñez no seu libro máis recente, “Vigo metropolitano na Galicia céltica (Xerais 2017). Mais sen esquecer que dende o miradoiro oeste da muralla do Castro poden ir identificándose cada un dos castros das terras do Fragoso: o de Beirán en Matamá, o de Barrocas en Valadares, o do Monte da Mina e o Piricoto en Castrelos, o de Erbille e Guizán en Mos, o de Xestoso en Bembrive, o do Castriño e o Carballal en Cabral… Mais no Castro tamén podemos identificar as pegadas que deixou a economía marítima romana, o esplendor literario dos nosos trobeiros medievais e todo o perfil da cidade industrial atlántica que agromou nos areais do Berbés e San Sebastián, estendida hoxe de Guixar a Samil.
No Castro están as que deberían ser consideradas como as primeiras aulas da historia de Vigo, de visita obrigada para todos os escolares e curiosos. O Parque Arqueolóxico museificado da aba oeste, clave para entender o Vigo castrexo e romano. As murallas que protexían o castelo pioneiro do Penço, e o posterior edificado na segunda metade do século XVII, imprescindible para entender episodios como a batalla de Rande de 1702, a invasión inglesa de 1719 e a propia Reconquista e fundación da cidade. O primeiro depósito municipal de augas, instalado en 1903, coincidindo coa cesión do Castro ao pobo de Vigo e os primeiros plans de axardinamento do arquitecto Jenaro de la Fuente, cando comeza a configurarse a fasquía da cidade policéntrica actual. O monolito, situado ás portas do Castelo, en lembranza das 136 persoas asasinadas alí polo franquismo entre 1936 e 1942, como a mal chamada “cruz dos caídos”, que non entendemos como continúa alí chantada.
Unha peza tan valiosa como a do monte do Castro, como sucede con esoutra alfaia viguesa do parque de Castrelos, precisa dunha protección integral da que hoxe carece. Como xa reclamou o arquitecto Jaime Garrido, cando publicou “El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo” (Deputación de Pontevedra 2011), o Castro precisa un plan director que contemple a recuperación da muralla e dos baluartes do castelo, mais tamén que facilite o desenvolvemento das excavacións do Parque Arqueolóxico. Un plan que atenda a catalogación do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o mantemento e arranxo dos seus vieiros, que constitúen a única oportunidade que temos milleiros de vigueses para camiñar por terra. Un plan que regule de forma moito máis restritiva o tráfico e o estacionamento de automóbiles até conseguir a peonalización da estrada que rodea a muralla e impida que o vial de circunvalación sexa o grande aparcadoiro gratuíto do centro. Un plan que debería contemplar, ademais, a utilización do parque como un espazo literario, sobre todo no denominado Paseo de Rosalía de Castro e no miradoiro Martín Codax, onde se lembra ao poeta sobre o que se fundou esta cidade. No Castro está o ADN de Vigo, merece todos os coidados e mimos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir