U-lo albergue?
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a polémica arredor da ubicación do albergue de emerxencia de Vigo. Reprodúzoo, xa que non aparece nas páxinas electrónicas do decano.
Os lectores de “Faro de Vigo” coñecen de primeira man a polémica existente sobre o futuro do edificio da Gota de Leite, onde estaba previsto ubicar o albergue municipal para as persoas sen teito e, agora, se pretende instalar á policía local. E como sucedeu xa coa polémica (non resolta) sobre a ubicación da biblioteca estatal, semella que son a improvisación, a falta de planificación e a escasa capacidade de diálogo as variables coas que os nosos políticos locais participan no conflito.
Como entender, se non, que tras a decisión da concellaría de benestar social (BNG) de pechar o albergue provisional instalado dende hai catro meses na antiga Escola de Hostelaría, xa que non cumpría os requisitos mínimos de habitabilidade, unha situación que foi denunciada en varias ocasións pola vicevaledora do Pobo e responsables da Federación Veciñal, os trinta usuarios diarios deste servizo quedasen literalmente “na rúa” dende a noite do pasado venres? Como explicar que, a pesar do peche deste albergue provisional e de estar finalizadas as obras de acondicionamento, a consellaría de Traballo e Benestar e a delegación metropolitana da Xunta de Galicia en Vigo (PPdeG) non autoricen a apertura do centro de emerxencia social do edificio da Gota de Leite, onde dende hai tempo está previsto dar servizo a esas cento cincuenta persoas sen teito que se estima viven na nosa área metropolitana? Como facer comprender á cidadanía viguesa a incapacidade dos dous polos do goberno municipal para acordar o uso do edificio da Gota de Leite, non o esquezamos, propiedade da Xunta de Galicia?: para o alcalde, o seu grupo socialista e o comité de persoal do concello, o lugar ideal para instalar a nova sede da Policía Local; para a concelleira de benestar social, o seu grupo nacionalista e a Rede Social Galicia Sur, que agrupa a máis de vinte ONG-s, a sede do centro de axuda a persoas desfavorecidas, que debe ser aberta coa maior urxencia.
Definido en termos políticos o problema, compréndese doadamente que son as diferenzas (polo momento insalvables) entre os tres partidos as que deixan á intemperie aos usuarios deste servizo de emerxencia provisional, utilizado por numerosos transeúntes, mariñeiros, inmigrantes e algúns dos máis pobres e desfavorecidos de entre todos os nosos concidadáns. A descrición que realizan as ONGs sobre a situación destas persoas é desacougante. Calculan que ao longo do último ano nas rúas e prazas de Vigo morreron abandonadas, na máis absoluta soidade, unha ducia destas persoas (24 o pasado ano!), por mor das doenzas que arrastran e da súa propia situación de precariedade. A vítima máis recente foi Igor, un aparcacoches ucraíno de cincuenta anos, que faleceu a comezos deste mes nun banco do Berbés, apenas a cen metros das instalacións do albergue provisional recentemente pechado. Unha situación gravísima que, dende hai tempo, denuncian teimosamente coas súas mobilizacións a asociación de autoapoio Imán e o programa asistencial Sereos, entidades que reclaman a creación dunha rede de albergues municipais que proporcione a estas persoas excluídas un pouco de abrigo e axuda. Situación que, alertan os responsables dos servizos sociais, os debastadores efectos do desemprego podería ampliar a un maior número de persoas.
Porén, non son estes os criterios que se empregan para dirimir a ubicación do albergue vigués de emerxencia. Utilizando a estratexia do manual de campaña que tan bos resultados lle proporcionou na súa oposición ao pasado goberno bipartito, o Partido Popular adía a mantenta a apertura do albergue da Gota de Leite xa que deste xeito profundiza na fenda existente sobre esta cuestión entre socialistas e nacionalistas, ao tempo que lle serve ao seu portavoz municipal para denunciar a existencia de dous gobernos en Vigo e a falta de autoridade do alcalde, que non é capaz de cesar a esta concelleira que defende un criterio radicalmente diferente ao seu. Outrosí, sucede co alcalde quen pensa que a el non lle falta razón na súa pretensión de ubicar as instalacións da Policía Local, situadas no garaxe do concello dende hai décadas, nun edificio próximo que, por riba, leva un período baleiro e que reclama mesmo o cadro da propia policía. Mentres, a concelleira de benestar, con enorme impotencia, vese obrigada a asumir a responsabilidade do peche do albergue provisional. Un cadro político para botarse a chorar. Quen ten a valentía de introducir as doses de racionalidade e diálogo suficientes para solucionar o problema da apertura inmediata do albergue dende a perspectiva dos intereses xerais de todos os cidadáns sen excepción? Cada noite máis na que estas persoas sen teito continúen baixos os efectos da intemperie, será unha xornada de vergonza para o conxunto da cidadanía viguesa.