Artigos

Onte 862: O almanaque de Ripalda

O escritor Xosé Lois Ripalda vistoume onte para me agasallar co seu libro máis recente, A cultura do viño, e para entregar ao persoal da editorial exemplares do Almanaque Agrícola ZZ 2014 publicado por Syngenta. Outro ano máis o popular ZZ inclúe un traballo de Ripalda, «Os carpinteros de ribeira», como gañador do certame de investigación etnográfica «Rescatando un anaco da nosa cultura». Como é adoito, o etnógrafo e mestre de Erbedeiro ofrece un completo traballo icónico e textual sobre este oficio tradicional do litoral, mais tamén das veas fluviais de Galicia. En dez páxinas de tipografía apretada, enriquecida con debuxos moi xeitosos, debúllanse con agarimo e espirito didáctico os procesos do oficio da carpintaría de ribeira, a tipoloxía e descrición das diversas embarcacións, os materiais e ferramentas utilizadas, así como o patrimonio inmaterial asociado de lendas, contos, adiviñas, cantigas e refráns. Un grande traballo de esculca e recuperación dun vocabulario específico, outra achega de Ripalda ao tesouro colectivo da nosa lingua que, ademais, constitúe un excelente recurso didáctico (agardo que, como os de anos anteriores, se publique en formato pdf decontado).

Mención á parte merece o Almanaque ZZ, publicado de forma ininterrompida dende hai SESENTA E DOUS ANOS, quizais a publicación en galego de maior tiraxe en todo este período.   O ZZ continúa a tradición que en 1857 iniciara O Gaiteiro de Lugo e que logo, desde os anos sesenta, continuara O Mintireiro Verdadeiro promovido polo crego José Regadío en Palas. Estes almanaques agricolas, que permitiron o uso continuado do galego (mesmo nos anos máis difíciles do franquismo) continúan tendo certa graza, algunhas veces certamente chocalleira, por que non abandonaron a súa intención literaria (a propia Rosalía chegou a publicar neles) nin a de promoción do folclore popular. Predicións, chistes, as lúas, as datas das feiras, consellos para o cultivo da vide, acompañan a outros textos de maior entidade literaria destes libriños en galego que nunca foron considerados como tales pola cultura «oficial».

Dende o punto de vista editorial, o almanaque, como algúns programas de festas, é un libro híbrido, de difícil clasificación, tanto polos seus contidos moi heteroxénos, pola súa forma de distribución non venal en establecementos agrícolas, coma pola ausencia de metadatos e outros rexistros que acompañan a libros ou revistas. No entanto, os almanaques, sobre todo este ZZ, son publicacións moi porosas, capaces de chegar a públicos amplos, o que axuda a ampliar o perímetro de lectura en lingua galega, ao tempo que axuda a conservar o lume de transmisión da cultura tradicional agraria. O que non é pouco.

Beizóns para o mestre Ripalda e para os editores do ZZ pola súa continuidade.