Contei duascentas catro persoas na presentación de Pontevedra nos anos do medo, o libro de Xosé Álvarez Castro, no paraninfo do instituto Valle Inclán de Pontevedra. Na véspera do 12 de novembro, data na que se lembra a execución de dez políticos republicáns pontevedreses no Km 1 da estrada de Campañó, entre os que entre outros estaban o impresor Ramiro Paz Carbajal, o xornalista Víctor Casas, o avogado José Adrio Bareiro, o mestre Germán Adrio Mañá, o médico Telmo Bernárdez, esta extraordinaria presentación constituíu un acto cívico en homenaxe de todas as vítimas da represión e unha reivindicación da rehabilitación moral e pública de todos os represaliados e do papel da investigación histórica para informar á cidadanía sobre aqueles feitos.
Tras as intervencións do editor, e do historiador Xosé Carlos Morgade, o autor comezou o seu discurso expresando as dificultades para abordar un libro de historia coma este, tanto na consulta de arquivos coma na localización de fontes orais, «claves para coñecer as execucións extraxudiciais, os chamados paseos». Para Xosé Álvarez «o estudo da represión é un pasado non ausente, que segue influíndo en nós. Até que non se esclareza totalmente non pasará a ser pasado, historia». «Tampouco se pretendeu con este libro facer un axuste de contas co pasado, xa que o papel do historiador non é facer xustiza. O noso papel é facer comprender o pasado á sociedade. O recoñecemento social das vítimas correspóndelle á sociedade, para iso é preciso coñecelo antes». Subliñou, ademais, que «as vítimas non perderon nunca a dignidade, perdérona os seus verdugos». Referiuse despois á orixe do libro, que estivo no blog homónimo, onde dende comezos de 2008 foron publicándose diversas achegas sobre a represión e o golpe militar en Pontevedra entre 1936 e 1939, «no libro ampliouse ese traballo, estruturándose o que alí aparecían só como pinceldas dispersas».
A seguir, o autor abordou as tres partes principais da obra. A primeira na que se presenta a situación política e social de Pontevedra nos anos anos anteriores ao golpe, «onde non parece para nada a desorde e a violencia que os golpistas utilizaron para xustificalo». A segunda a descrición do golpe de estado en Pontevedra, tanto nos días anteriores como no luns 20 de xullo cando se declarou. E a terceira referida á represión e clima de terror posterior, tanto no referido aos consellos de guerra de persoas destacadas como a represión extraxudicial que «foi moi intensa até o mes de marzo de 1937 e que afectou aos militantes da Frente Popular que non era doado poder executalos nun proceso xudicial». Álvarez citou as instrucións reservadas do Xeneral Mola para amosar que a represión foi «unha actuación planificada, sistemática, común en todos os territorios onde gobernaron os sublevados». Relatou como se creaba o clima de terror e medo entre a poboación, así como as actuacións dos membros de Falange, sobre todo nos días posteriores ao golpe, e da Garda Cívica, agrupación creada pola Garda Civil, da que foi o seu verdadeiro xefe en Pontevedra o médico Víctor Lis Quibén, deputado de Renovación Española. O autor estimou en setenta as persoas paseadas na zona de Pontevedra. Cualificou aos chamados «Consellos de Guerra» como farsas xudiciais, xa que se condenada a xente por actuacións legais, non se aplicaba o principio de retroactividade das leis, nin a presunción de inocencia, nin a imparcialidade dos tribunais. «Os rebeldes xulgaban por rebelión aos defensores da legalizade. O que Serrano Suñer definiu como “a xustiza ao revés”».
Continuou Xosé Álvarez relatando outras formas da represión daquel período. A depuración dos mestres e outros funcionarios. A represión económica, que se realizaba por medio da incautación de bens por responsabilidades políticas, por presións sobre as mulleres, «o grande sector oculto da represión», polas requisas e doazóns, «practicamente obrigatorias», polas ameazas de inclusión en listas negras, «todo un entramadado que moveu unha gran cantidade de diñeiro, cuxo coñecemento é unha tarefa pendente para os investigadores». Polo papel da Igrexa católica, coa súas cerimonias de reposición de crucifixos en escolas e hospitais. Pola militarización da sociedade, pola promoción dun sector social de indiferentes, o que se ten denominado como «franquismo sociolóxico».
Rematou o autor expresando a sua reflexión sobre a importancia do papel do historiador para informar sobre aqueles feitos, «as feridas non cicatrizan sen non se abren e se desinfectan«. Salientou ademais que «agás moi poucos casos de xenreiras e vinganzas, as vítimas fixeron algo, militaron en organizacións agrarias, políticas e sindicais, foron vítimas por exercer a súa liberdade e os seus dereitos cidadáns». Rematou Xosé Álvarez insisitindo na necesidade de divulgar os feitos, citando a Gunter Grass recomendou «hai que falar, mesmo do máis traumático, hai que falar do pasado, á fin sempre volve».