Onte 1752: “O espello do mundo” de Ramón Nicolás en Cartabón
Xuntámonos no espazo agarimoso da Libraría Cartabón para presentar O espello do mundo e celebrar que a novela de Ramón Nicolás fose reeditada dous meses despois da súa aparición. Na primeira das intervencións, o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte salientou que foi en Escudeiros, parroquia do Val de Ramirás, onde xermolou este proxecto literario de Nicolás. A seguir, María Reimóndez confesou que cando soubo do contido da novela non puido evitar “a súa prevención sobre aqueles homes que se apropian de mulleres para protagonizar as súas novelas”, mais que cando a leu comprobou que “no caso de Ramón Nicolás este perigo de apropiación estaba evitado tanto pola súa capacidade grande para escoitar, para establecer empatía co que se escribe e cos seus espazos, como pola estrutura utilizada na construción da novela, facendo explícita a ollada dun personaxe masculino, neste caso Martiño, que funciona como mediador na exploración de conflitos de poder como os vividos por Ona Guiomar e Hildegarda von Bingen”.
Reimóndez engadiu, ademais, que na novela de Nicolás aparecía “un compromiso explícito para non evitar certos temas, como a sexualidade e o lesbianismo”. “Esta é unha novela que fala do coñecemento, das mulleres como coñecedoras e depositarias do saber que trae ao presente figuras como a de Hildegarda, unha muller sumamente polifacética. Un amor polo saber que está presente no intercambio epistolar entre as protagonistas “. “A escrita da novela é moi coidada e fainos recordar a de Begoña Camaño”. Rematou María Reimóndez dicindo que “esta é unha novela na que un autor non ten medo ao mirar ao espello e mirar as mulleres”.