Artigos

Onte 985: Temos dereito a un futuro distinto

xavier-vence-conversas-capaA viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’ A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.

Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.

O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.

Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.

Onte 556: O BNG con Vence

Todas as informacións que coñecimos onte sobre o desenvolvmento da XIV Asemblea do BNG amosan que desta volta a fronte nacionalista si que imprimiu unha importante virada. A mudanza do portavoz nacional e do oitenta por cento da executiva, elixidos case por unanimidade, así como a inequívoca deriva programática cara un proxecto soberanista, homologable aos de Esquerra Republicana ou Bildu, abren unha nova etapa para a organización hexemonizada pola UPG. Tras o fracaso da asemblea de Amio de hai pouco máis dun ano, que levou á fractura da organización e ao fracaso nas Autonómicas de novembro, na de onte o BNG gañou en cohesión e capacidade de innovación programática, achegándose ao modelo organizativo do BN-PG da Reforma Política.

Pareceume moi significativo que na súa primeira intervención, Xavier Vence fixese unha chamamento á «necesidade de unir o nacionalismo» e á posibilidade de «explorar fórmulas de colaboración estratéxica con todas as forzas nacionalistas», o que supón un recoñecemento da pluralidade de opcións nacionalistas, un inédito exercicio de realismo por parte do novo portavoz. Outrosí sucedeu cando expresou a necesidade de «manter a unidade de acción con todos os movementos sociais e forzas de esquerda», tendendo así a man á colaboración con todas elas. Non menos interesante parecéronme as súas apelacións á confianza nas propias posibilidades da nosa economía, á soberanía fiscal para recadar todo tipo de impostos e poñelos ao servizo dos intereses xerais, a necesidade da organización de «mudar estilos e modais», como á de «cultivar bos sentimentos para contaxiar ilusión», unha vía humanista de acción política.

Con Vence de cabezaleiro, o BNG ensaiará por vez primeira na súa historia, unha estratexia explicitamente arredista, un camiño aberto cara á independencia que se traducirá nun programa «polo dereito a decidir», na liña escollida polos partidos nacionalistas escocés, vascos ou cataláns. Unha estratexia retoricamente moi atractiva, mais non exenta de riscos, sobre todo se isto levase a que o BNG non fose considerado pola cidadanía coma unha opción de goberno nos concellos ou na conformación dunha alternativa para a Xunta de Galicia. Non hai dúbida que o BNG con Vence moveu ficha e recuperou a iniciativa. Ábrense posibilidades moi interesantes.

Publicado en Galicia confidencial.