Onte 3: mazás de louriñales
Camiño de Camos na procura dun surtido de lambonadas, avoa Concha lembrou que estamos en tempo de marmelos e marmeladas. Cando debullaba con entusiasmo o relato de como nesta época apañaban mazás no regueiro tan vizoso de Reboreda, saltou a sorpresa, «eran “mazás de louriñales”». No meu acervo de neofalante a presenza dun sintagma descoñecido dispárame a ledicia de comprobar o prodixio da conservación dunha lingua tan viva e fresca na memoria dos nosos maiores. Xa na biblioteca, o Gran Xerais sacoume da ignorancia: «“louriñales”: variedade de mazá que ten a súa carne moi branca e a tona a vetas brancas e vermellas en sentido vertical». Na miña arca de palabras con arrecendo a mazá, ás camoesas, que gababa Cunqueiro, ou ás tabardillas de pel moi rugosa que vendía na praza a miña avoa Maruja, engadirei estas louriñales que apañaba Concha de moza. Con esta nova palabra gañei o día.