Artigos

Onte 1937: «Ruptura», a crise da democracia liberal de Manuel Castells

Tempo facía que non lía un ensaio político tan claro e contundente como Ruptura. La crisis de la democracia liberal de Manuel Castells. Un libro no que en apenas un cento de páxinas o catedrático de Socioloxía da UOC expón as claves da actual crise política, que para el ten unha dimensión global, manifestada por un colapso gradual do modelo de representación da democracia liberal. Un diagnóstico demoledor sobre as múltiples crises que vivimos no planeta. A económica, caracterizada pola precariedade laboral e os salarios de pobreza. O terrorismo fanático, que fractura a convivencia, alimenta o medo cotián e dá azos ás restricións das liberdades en nome da seguridade. A da ameaza constante das guerras atroces como forma de abordar os conflitos. A violencia contra as mulleres que ousaron ser elas mesmas. A galaxia da comunicación dominada pola mentira, bautizada como posverdade. A cultura transformada en entretemento nunha sociedade sen privacidade na que todos nos convertimos en datos.

Mais para Castells a cerna destas crises que envelan as nosas vidas está na «ruptura da relación entre gobernantes e gobernados, na desconfianza nas institucións, en case todo o mundo, que deslexitima a representación poítica», «un colapso gradual dun modelo político de representación e gobernanza» que a chamada democracia liberal consolidara nos dous útimos séculos. Tese que Castells desenvolve en catro capítulos nos que analiza as súas manifestacións nas crises da Unión Europea (Brexit,Merkelización, refuxiados…), nos Estados Unidos (con atención ao fenómeno de Trump), no fenómeno do terrorismo yihadista e, por último, en España, deténdose no caso do 15-M e na cuestión catalá e a consecuente crise do Estado español.

Entendo de particular interese a reflexión que Castells fai sobre as identidades no marco da globalización, que identifica como auténtica crise identitaria: «Canto menos control teñen as persoas sobre o mercado e sobre o seu Estado mais se repregan nunha identidade propia que non pode ser disolta pola vertixe dos fluxos globais. Refúxianse na súa nación, no seu territorio, no seu deus. Mentres que as elites triunfantes da globalización proclámanse cidadáns do mundo, amplos sectores sociais atrincheiranse nos espazos culturais nos que se recoñecen e onde o seu valor depende da súa comunidade e non da súa conta bancaria. Á fractura social únese a fractura cultural».

Como particularmente brillantes son as análise de Castells sobre a corrupción, que considera «un trazo sistémico da política actual»; a política como fenómeno «fundamentalmente emocional», o que lle permite transformarse en escándalo e espectáculo; o fenómeno Trump vinculado a identidade do «home branco e o Brexit como froito da «profunda división de clase e culturas que define a sociedade británicas».

Por último, no que atinxe a cuestión catalá (o libro péchase cunha referencia explícita aos acontecementos do 1-O), Castells entende que «a raíz da crise institucional do Estado español en 2017 reside nos defectos de orixe da Constitución de 1978», razón pola que vai debullando as fases do proceso catalán dende que o president Maragall promoveu a elaboración dun «novo Estatut para Catalunya que aumentara considerablemente o grao de autogoberno, sen esbozar o inquedante horizonte dunha indepedencia que España nunha aceptaria». Un relato do proceso no que Castells remata confiando como única saída posible nunha reforma constitucional que aceptara a pluralidade e plurinacionalidade, aínda que o fai con reservas non exentas de temor:

A menos que ese proxecto de integración pactada consiga suficientes apoios na sociedade e na política do Estado español, á crise de lexitimidade política motivada polo déficit democrático da súa representividade social unirase a crise derivada da incapacidade de representar as diferencias nacionais cuxo espesor histórico e cultural non pode ser ignorado ou reprimido. O actual Estado español, entronizado nunha monarquía de dubidosa lexitimidade na súa orixe, incapaz de expresar unha realidade plurinacional e desvirtuado pola corrupción dunha dereita que aínda controla os poderes fácticos, vive ao bordo dunha crise constitucional que podería poñer en perigo a convivencia cidadá.