Listado de la etiqueta: rubén_blanco

Campo do Fragoso CLXXXVII

guidettiGUIDETTI BLUES

Tras as actuacións desta semana no Amsterdam Arena e no Municipal de Balaídos, John Guidetti recuperou o seu protagonismo como dianteiro pelexón e rematador implacable, o que o continúa situando entre os xogadores máis agarimados e valorados polos siareiros e siareiras. Diante dun Valencia, moi intenso e comprometido na presión, o internacional sueco situado como dianteiro centro tocoulle batallar con dous centrais moi difíciles, como o congolés Eliaquim Mangala e o arxentino Ezequiel Garay, con quen nunha das súas carreiras intentou na primeira parte forzar un penalti, transformado por Clos Gómez decontado nunha tarxeta amarela para o noso nove. Mais Guidetti, dificilmente esquecerá o momento glorioso que para el supuxo na segunda escoitar a todo o orfeón de Balaídos agradecerlle o seu golazo, un caroliño de cabeza que valeu tres puntos.

E non foi doada a vitoria para un Celta que nunca tivo a pelota até a entrada na lameira de Marcelo Díaz, que substituíu faltando apenas vinte minutos a Radoja lesionado. É innegable que o medio campo do Valencia aseñorou boa parte do partido, mentres o Celta onte algo confuso e desequilibrado trataba de apurar as accións de fútbol directo sobre Aspas e Guidetti. Durante a primeira media hora só os acertos moi notables de Rubén Blanco, que recuperaba a continuidade baixo os tres paos, e os desacertos de Rodrigo Moreno e Nani diante da porta, permiton os celestes aguantar a cero a táboa de marcas. Porén, foi un agarrada inxenua de Costas sobre Rodrigo, despois de que o brasilego rematase (fóra), a xogada que facilitou que Clos sinalase penalti e permitiu que o Valencia se adiantase.

No entanto, a pesar de non contar co balón, ao que non foron alleas as baixas de Orellana e dos centrais habituais, o Celta arrepúxose decontado grazas ao empate de Roncaglia nunha xogada individual memorable. O internacional arxentino, na área rival, recuperou de cabeza o balón entre dous defensas e baixouno ao pé, cun recurte de tacón de auténtica fantasía sentou aos seus defensores para logo encarar a porta e xutar coa zurda sobre o pao longo superando a Alves, que non puido cheirar semellante xenialidade dun defensa. Un gol para enmarcar que faltando apenas dous minutos para o descanso sabía a gloria e metía ao Celta outra vez no partido.

Tras a reanudación o Valencia volveu intentalo con todos os medios atacantes dispoñibles, mesmo coa entrada en xogo de Munir e Santi Mina, que no seu regreso a Balaídos foi recibido con moitos apupos. Nesa nova angueira, o cadro che volveu petar co acerto de Rubén Blanco, que desviou a man mudada un remate de Nani que vimos dentro. Xaora, a lesión de Radoja revirou no 69 o devir do partido. A entrada para substituílo de Díaz foi decisiva para que o Celta dese un pase adiante e por fin ordenase o seu xogo. A dirección do chileno notouse decontado para que os celestes comezasen a chegar a área de Alves. Daniel Wass puido marcar de gol olímpico nun saque de recanto. Mais no seguinte, o dinamarqués fíxoo en curto sobre o Chelo para que este chegase a liña de fondo e dende alí centrase con luva de seda para que Guidetti caendo de chapa cabezase sobre a rede. Unha xogada desas ensaiadas tantas veces na Madroa, resolta cunha precisión e unha beleza abraiantes, que deixou a bancada paralizada durante uns segundos.

Coa táboa de marcas por diante, o cuarto de hora final semellaba interminable. Porén, a firmeza da batuta chilena e a seguridade do cadeado de Mos na portaría, abondaron para manter a remontada nos minutos agónicos. Certo é que o Celta non fixo o mellor partido desta tempada, mais é innegable que marcou dous goles de alta escola, que tolearon a un rival que concibiu o partido como unha auténtica final para saír da súa crise outonal. Unha semana na que Guidetti puido dirixir o seu blues.

Campo do Fragoso CLXXX

berrizzo_08-05-2016TEMPADA DE OURO

Unha das maiores grandezas do celtismo é a sobriedade para gozar das vitorias e a serenidade para asumir os resultados adversos. Actitudes forxadas partido a partido, tempada a tempada, xeración tras xeración, na vella catedral do Fragoso apoiando aos celestes na súa angueira sempre difícil, sufrindo e gozando da súa afouteza e dun xogo que, dende hai dúas décadas, aquí gusta traballado e combinado. Así foi esta tempada de ouro, a mellor da última década, onde os celtistas gozamos dun xogo de alta escola do cadro de Berizzo, mais tamén sufrimos os desacougos inevitables, froito das carencias e limitacións dun cadro, que a pesar da clasificación privilexiada continúa sendo moi humilde e conta (canteira incluída) cun número moi axustado de efectivos. Así foi tamén o partido da tarde de onte co Málaga, onde houbo instantes de cor, cando escintilou o xogo dos nosos e estoupou a ledicia da bancada, mais tampouco faltaron outros moitos minutos grises de chumbo, coma o ceo que deitou devagariño a poalla que foi enchoupando aos xogadores.

A pesar da inxusta derrota de San Mamés, Berizzo demostrou que non se rende na súa batalla polo quinto posto. Dispuxo ao triángulo chileno (Chelo, Tucu e Orellana) para soster e lanzar ao equipo, que tardou case un cuarto de hora en contar coa súa primeira gran oportunidade, tras un pase de Wass sobre un xenerosísimo Tucu Hernández que case na área pequena preferiu ceder sobre Aspas, o que evitou in extremis un defensor andaluz. O Celta teceu e teceu paciente, sen perder a confianza na posibilidade de crear superioridades, a pesar de que o Málaga incomodou aos chilenos con continuas faltas e brusquidades. Con todo, grazas a balóns longos, o Celta foi abrindo o seu xogo de ataque polas bandas, sobre todo pola de Nolito, moi comprometido durante os noventa minutos. O internacional gaditano trazou un tiraliñas interior antolóxico ao que non chegou Orellana, anunciando a marabilla que minutos despois sería a xogada do único gol do partido.

Unha xogada protagonizada pola NAO celeste, ese tridente marabilla formado por Nolito, Aspas e Orellana, á altura dos mellores goles da tempada. Iniciada por Nolito na banda esquerda cun desprazamento sobre Aspas na frontal, o xenio de Moaña cedeulla ao poeta chileno que agardou para centrar dende a banda dereita a chegada a área pequena de Nolito para que este, unha vez superado o gardarredes, tivese que empurrar a porta baleira. Un gol tremendo, unha acción redonda, comezada e finalizada por Nolito, fermosA na concepción e rotundA na execución. Uns segundos onde escintilaron as faíscas de xenialidade destes tres xogadores capaces de compartir as súas accións en instantes decisivos.

Co marcador adverso, o Málaga adiantou as súas liñas. Rubén chapou cunha pombiña elegante un magnífico saque directo de Recio que entraba pola porta. Xaora, Nolito puido liquidar o partido nunha das súas xogadas preferidas, o tiro con parábola ao pao longo, mais quedoulle curto e Ochoa atrapoullo. Tras o descanso, o poeta Orellana puido marcar nun lanzamento de falta que lambeu o pao esquerdo. Con todo, foi unha oportunidade aínda máis clara a de Aspas, que tras un servizo magnífico de Nolito, correu a banda esquerda e entrando na área debuxou unha vaselina sobre o pao dereito que o porteiro andaluz conseguiu desviar cos dedos. Outra xogada memorable.

Durante os vinte minutos finais, coincidindo coa entrada no terreo de Juanpi, o Málaga desenvolveu o seu mellor xogo. Sufriron os de Berizzo. Camacho encarou en dúas ocasións con claridade a Rubén, mais o noso xove gardarredes soubo aguantalo. Só faltando cinco minutos, cando máis apretaban os de Javi Gracia, a bancada desentendeuse das incidencias do xogo e comezou a cantar coa emoción dos grandes momentos a Rianxeira e a celebrar a extraordinaria clasificación europea. Unha tempada de auténtico ouro, onde compartimos o celtismo da humildade e da afouteza, o do xogo de salón e o do fair play, o que sofre e o que goza coas súas cores. Estamos de volta.