Listado de la etiqueta: roberto_lago

Campo do Fragoso CLXVI

pacoherreraUNHA LECCIÓN DE PACO HERRERA

Paco Herrera é un dos adestradores que deixou máis pegada na bancada de Balaídos. Abondáronlle apenas dúas tempadas e media, incluídas a da final perdida do play-off e a do último ascenso tras cinco tempadas en segunda, para converterse nunha figura querida e respectada pola bancada celeste que o considera un referente celtista de honestidade e un dos impulsores máis afoutos da incorporación da xente da canteira ao primeiro equipo. Non esquezamos que con el consolidáronse nas aliñacións do Celta xogadores da casa como Aspas, Hugo Mallo, Túñez, Roberto Lago e Jonathan Vila, ao tempo que incorporou con continuidade ao primeiro equipo a Álex López e aos porteiros Sergio Álvarez e Yoel, ademais de facer debutar na súa tempada en primeira a rapaciños como Jonny Castro e Santi Mina, mesmo cando este xogaba no equipo xuvenil. Unha aposta pola canteira continuada por Luís Enrique que, porén, semella diminuída tras a chegada ao banco de Berizzo. A ninguén debe estrañar, pois, o agarimo e gratitude co que Paco Herrera foi recibido en Vigo no último partido de Copa, repetido na tarde de onte na visita dun intenso As Palmas.

Un recoñecemento da bancada a Herrera que semella contaxiou negativamente ao Celta que contando con dous goles de diferenza nos primeiros dezaoito minutos e xogando en superioridade numérica, tras a expulsión aos once minutos de Javi Varas (outro xogador querido en Balaídos), estragou o seu liderato nun partido decepcionante onde foron máis decisivos para a táboa de marcas os seus deméritos defensivos que a teimosa vontade dos canarios de evitar a derrota.

E iso que o Celta comezara o partido coma un trebón decidido a pasar canto antes por diante da veteranía e habilidade dos dianteiros canarios. Dispoñendo da mobilidade electrizante do tridente marabilla (Orellana, Aspas, Nolito) e contando cunha maior implicación de Tucu Hernández como enganche, os minutos iniciais foron de auténtico xogo de salón, onde cada ataque aventuraba a chegada inminente do gol. No minuto once repetiuse a xogada que resultara decisiva fronte ao Raio Vallecano, neste caso protagonizada por Aspas que tras unha grande asistencia de Fontás foi derrubado polo porteiro cando encaraba xa en solitario a portaría. O claro penalti foi executado de forma inapelable por Orellana. Con aquel xogo de salón e coa repetición da superioridade por terceiro partido consecutivo, unha marca difícil de igualar, o partido semellaba deses de cantar a rianxeira. Mais aínda cando cinco minutos despois Wass marcou o segundo tanto tras unha apertura excelente de Iago Aspas sobre Orellana.

Porén, o Celta non soubo xestionar semellante vantaxe e entregou o control do partido cando os canarios marcaron o seu primeiro tanto, tras a primeira das cantadas da defensa céltica nunha tarde horrible para ela. Con este gol de Araújo, o Celta rompeuse coma se dun tigre de papel se tratase, incapaz de tirar partido da guerra de caneos aos que os canarios foron sometendo aos galegos nun espectacular labor de desgaste.

Coa reanudación, volveu o trebón de entusiasmo celeste. Pasados tres minutos, Nolito aproveitou outra espectacular condución de Aspas. Co 3-1 semellaba o partido liquidado, mais non foi nin moito menos así. Outra intermitencia defensiva celeste permitiu que un balón lateral á area fose introducido en propia meta por Hernández. Un gol que acurtaba distancias e metía aos canarios de cheo no partido. Foi entón cando para os celestes o medo mudou de bando. Berizzo introduciu a Guidetti intentando recompoñer un equipo esgazado no medio campo, mais Herrera moito máis pillo xa conseguira convencer aos seus de que era posible o empate, que chegou con outra perda de balón dos nosos, e mesmo a posibilidade dunha heroica remontada. Os minutos finais foron dun emocionante intercambio de golpes e contragolpes. É certo que Nolito puido marcar de falta directa, mais tamén o é que os canarios estragaron dúas contras con vantaxe numérica. En definitiva, un empate xusto e outra lección de Paco Herrera, un adestrador capaz de que os seus equipos nunca se dobren.

Campo do Fragoso CXXXVIII

SILENCIO

«A esperanza é unha loita» declarou Lídya Jorge cando o pasado sábado recibiu o título de “escritora galega universal”. Expresaba así a dimensión proactiva dunha actitude á que todos estamos chamados a forxar para contribuír á transformación dos proxectos colectivos. Non teño dúbida que os celtistas, tanto os veteranos coma os máis novos, acreditamos na fermosa oración da novelista portuguesa. Así, onte en xornada pouco axeitada e horario aínda peor, milleiros acudimos a Balaídos para amparar coas nosas voces e o latexo dos nosos corazóns ao Celta na súa heroica e difícil travesía de evitar o descenso.

E así foi durante a primeira parte contra un Atlético de Madrid que co seu equipo de gala veu a Vigo a asegurar a súa praza na primeira fase da Champions League. Dende o asubio inicial, os de Diego Simeoni controlaron a posesión no medio do campo e obrigaron ao Celta a capear diante da súa área a tempestade combinatoria dunha tripla de ataque de auténtica marabilla, Adrián, Costa e Falcao. Porén, pasado o primeiro cuarto de hora, os celestes comezaron a atopar espazos de saída, grazas á mobilidade dende as bandas de Augusto Fernández e Krohn-Dehli, que cun pexegazo dende fóra da área, desviado por Courtois cunha man apurada, avisou que o Celta non se rendería doadamente. Foi o segundo cuarto de hora do partido netamente celeste, tocando e tocando con paciencia, acougando o xogo no ronsel do mellor xogo de Herrera durante a primeira volta da liga. Superioridade galega que, á altura da media hora de xogo, rompeu Falcao cun grande contrataque que estragou Adrián a porta baleira. Foron os minutos finais deste primeiro período dunha enorme intensidade, de grande afouteza por parte de xogadores nosos como Insa, Augusto e Borja, que tiveron nas súas biqueiras a posibilidade de marcar, especialmente o extremo arxentino, cando faltaban apenas tres minutos, nun remate ao pao dereito.

Mágoa que todo fose un espellismo. O Celta saíu moi frío na reanudación. No primeiro minuto forzou un saque de recanto innecesario. Nese lanzamento ao primeiro pao, moi mal defendido, naceu a súa desgraza. Ningún dos defensores nin o porteiro Varas foi capaz de evitar que a cabezada cara atrás de Miranda fose aproveitada no segundo pao por Diego Costa, que soíño marcou de cabeza a pracer. O partido, e quizais a permanencia na categoría, rematou aí para os de Resino. A entrada de Orellana e Bermejo desta volta non funcionaron como revulsivo, sobre todo cando o Atlético marcou o segundo gol, cun pouco de potra, tras un xute de Juanfran que rebotou en Roberto Lago. A partir dese momento Balaídos enmudeceu. Cando faltaban apenas sete minutos, Augusto, o mellor dos celestes, rompeu o silencio dramático da bancada cun goliño ventureiro, ao que non foi alleo o erro do porteiro colchoneiro. Faísca de esperanza que só tres minutos depois apagou violentamente Falcao marcando o terceiro, tras canear na área pequena até o apuntador. Unha martelada que deixa ao Celta ás portas dun descenso case inevitable.

Iago Aspas, noutrora o Messi galego, volveu facer un partido horrible, vagando só por terras de ninguén, con dificultades para combinar cos extremos e crear liñas de pase, probablemente descentrado, tras arruinar a tempada en Riazor. As (custosas) fichaxes internacionais de Chaves e Torrecilla (Pranjic, Park e Demidov) nin sequera foron convocados no partido máis decisivo da tempada. Onte volveulle faltar ao Celta consistencia defensiva e un dianteiro nato en punta; doenzas que arrastra dende comezos de tempada por unha errada planificación do cadro de xogadores. Volver a empezar, recuperar o pulo perdido é a nova tarefa. Ánimo corazóns celestes!