Onte 264: puntoGAL
Magnífico acto de presentación da candidatura puntoGAL, que procura un dominio propio para a lingua e cultura galegas en Internet. Brillante foi a defensa que fixo Manuel González, o presidente da Asociación, salientando que a consecución do dominio supoñería «un fito decisivo na historia de Galicia. Lembraría día a día que existe unha comunidade que se chama Galicia, aumentando psicoloxicamente a nosa autoestima e socialmente a cohesión interna». Para González, ademais, «permitiría que os buscadores ordenasen os contidos en galego de forma máis completa» e «daríanos acceso a participar na gobernanza de Internet e a reinvestir os beneficios en Galicia no emprego da lingua en Internet». A presentación da experiencia da Fundación puntCAT, a cargo do seu director Jordi Iparaguirre, foi moi clarificadora sobre as posibilidades que o dominio puntCAT (53.000 dominios na actualidade) abriu para a lingua e cultura catalanas, incrementando a súa presenza social e liderando a incorporación de amplos sectores sociais nunha Internet segura.«O puntCAT permitiu que deixásemos de ser invisibles, achegando prestixio a nosa lingua que xoga na primeira división de Internet». Agardamos que nun ano poidamos celebrar a posta en marcha do puntoGAL, que axudará a visibilizar e proxectar no mundo a nosa industria cultural e aumentar a audiencia dos sitios en galego que, como sinalou con acerto Manuel Gago, «dende 2008 quedou lastrada polos algoritmos de Google».