Onte 1230: Queremos galego
Lonxe de Compostela vivín con satisfacción o éxito da convocatoria da plataforma Queremos galego e a unidade dos grupos políticos da oposición e dos colectivos educativos e cívicos na defensa da lingua. Milleiros de activistas galeguistas expresaron na Quintana a súa vontade de rebelarse contra o actual proceso de substitución lingüística, unha situación que a pesar da súa gravidade, pode ser aínda reversible. O galego precisa dunha ampla maioría social que asuma o compromiso da súa transmisión interxeracional, corresponsabilizándose do seu futuro no entorno familiar e cidadán. Mais tamén é imprescindible forxar un novo consenso político para nuns casos actualizar e noutros recuperar os contidos do Plan Xeral de Normalización de 2004. Onte nas rúas de Compostela milleiros de persoas de diferentes filiacións políticas demostraron outra vez que a lingua galega é un patrimonio común, que a todos pertence e que a todos obriga. A mobilización de Queremos galego constituíu unha inxección de optimismo e unidade galeguista en tempos difíciles onde semellaba que todo se derrubaba.