Onte 244: Fin da educación comprensiva
Intereseime polo Programa Nacional de Reformas, o documento estratéxico que o Goberno elaborou de cara a cumprir os compromisos do Plan de Estabilidade. A verdade é que quedei pampo cando estudei os contidos educativos (entre as páxinas 182 até 195), nos que o Goberno asume a reforma da Educación Secundaria cuxa idea principal «é substituír 4º da ESO por un curso de carácter propedéutico, tanto no itinerario de bacharelato, como no itinerario da Formación Profesional de Grao Medio, que permita anticipar un ano a elección básica do itinerario». Tan importante decisión, que supón unha modificación substancial da estrutura do sistema educativo e dos contidos curriculares na fin da educación obrigatoria, xustifícase co obxectivo de reducir a taxa de abandono escolar temperán actual do 28,4% (2010) ao 23% (2015) e 15% (2020), o que de facto supón abandonar o obxectivo do 10% asinado na «Estratexia 2020 polo emprego e o crecemento». Apenas unha paxina (183-184), redactada con coidadosa ambigüidade e escasa concreción, abonda para poñer fin a dúas décadas do modelo de educación obrigatoria comprensiva e para anunciar unha importante reforma educativa. O documento asume como compromisos a reorganización da arquitectura do Sistema Educativo entre a actual ESO e os estudos postobrigatorios; a modificación dos actuais currículums do bacharelato, especialmente das materias instrumentais ou troncais; a posibilidade de modificar a actual Proba de Acceso á Universidade e outras probas anteriores de avaliación externa; a modificación dos Programas Iniciais de Cualificación Profesional; así como un amplo caixón de «Outras medidas», entre as que se citan «a promoción do bilingüismo e da segunda lingua estranexeira», a autonomía dos centros educativos ou «a problemática do persoal docente (novo sistema de selección do profesorado, mobilidade, estruturación de corpos, carreira e xornada)». En definitiva, na inocente redacción dun documento económico atopamos enunciados os epígrafes dunha contrarreforma educativa en toda regra. Volve con toda a forza o debate arredor da igualdade da educación.