Onte 1862: Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade
Viaxei onte a Vilalba para acompañar a Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), e Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, no acto de presentación das bases do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. No salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, onde tantas veces compartín mesa con Agustín, non puiden evitar a emoción cando comecei a relacionar algunhas das obras nas que abordou o tema da igualdade, unha das preocupacións temáticas que máis impregnou o seu catálogo. Obras mestras como Valados, O meu nome é Skywalker, Lúa do Senegal ou Non hai noite tan longa, constitúen testemuñas desta angueira principal no seu compromiso literario. A magnífica e orixinal iniciativa do IESCHA e do concello de Vilalba de convocar un premio de narrativa infantil e xuvenil (nix) con esta orientación temática merece todo o noso apoio. Sen dúbida será outro acicate para manter o interese das novas xeracións de lectores e lectoras pola obra de Agustín, ademais dun estímulo para a creación da nosa nix. Agardo grandes textos para este certame que aventuro será emblemático.