Listado de la etiqueta: montessori

Onte 2016: Aula e hiperaula, conferencia de Mariano Fernández Enguita

Resultou de grande interese a conferencia que onte ditou Mariano Fernández Enguita no peche da xornada de orientadores e orientadoras organizada en Compostela polo CAFI.  Referente indiscutible na interpretación do fenómeno educativo en España, cuxas opinións adoitan ser polémicas (eis o caso das súas posicións sobre a educación en Cataluña ou sobre a regulación da xornada continuada), defensor da escola pública dende hai catro décadas, Enguita explicou durante unha hora e cuarto hipnótica o tránsito da aula á hiperaula como correlato no eido escolar do cambio do paradigma comunicacional entre a Galaxia Gutenberg e a sociedade do coñecemento e da información.

Apoiado nunha presentación visual moi coidada, ao tempo que austera, movéndose polo auditorio, o catedrático de Socioloxía da Educación da Complutense comezou diferenciando os conceptos de «aprendizaxe», «educación», «ensinanza» e «escola». Criticou o modelo que identifica aprendizaxe con escola xa que para el «hoxe en día non hai nada que se poida aprender na escola que non se poida aprender fóra dela, razón pola que o modelo de educación na escola debe ser algo máis ca ensinanza». Insistiu, entón, Enguita na idea de que na escola as crianzas non están só para ser ensinadas; a escola ten unha función de custodia, de coidado, o que tamén é lexítimo e necesario para a sociedade.

Na cerna da súa intervención contrapuxo os modelo da aula e da hiperaula. O primeiro, a aula, acuñado por Comenius na Didáctica Magna, pretendía ensinar a mesma cousa a moitos alumnos nun mesmo espazo panótico presidido por un único profesor.  Un modelo novidoso que superaba o da educación grega, onde se ensinaban música, literatura e ximnasia, ou o presente nas pinturas de Brueghel, onde aparecía o mestre rodeado de alumnos sen conformar aula. Os xesuitas, os escolapios e as ordes moradas trouxeron a aula e a concebiron como un conxunto de relacións sociais, Así naceu a estampación como modelo educativo, presidido pola homoxeneidade e simultaneidade, pola imprenta como metáfora, polo emprego do libro, pola creación do concepto de «clase» e de «aula panóptica.

O segundo, a hiperaula, é un modelo alternativo caracterizado por conformar un hiperespazo («aberto, flexible e reconfigurable no espazo, pero tamén no tempo, xa que admite horarios distintos»), que emprega os recursos hipermedia («todos as tecnoloxías dixitais e medios analóxicos sen fricción»), tanto na escola como na súa contorna (incluída a familiar), coa intención de abordar unha hiperrealidade («fálase de cousas que non están presentes recorrendo á representación e á simulación») e recorrendo a codocencia («presenza simultánea e colaborativa de varios profesores que poden chegar a utilizar tamén os recursos da intelixencia artificial»). A hiperaula forma parte dun novo ecosistema comunicacional caracterizado pola interactividade, pola existencia de diversos expertos (non só os docentes), pola colaboración ubicua de pares, pola utilización das TIC, por conformar unha comunidade accesible, así como pola valoración da reflexión e da creatividade.

Non esqueceu Enguita citar que este tránsito, entre a aula, onde primaban sobre todos os textos impresos, e o novo paradigma que agroma na hiperaula, é froito dun proceso de hibridación comezado por todas aquelas experiencias educativas que ao longo dos dous últimos séculos propuxeron subvertir o espazo da aula e da homoxeineidade da ensinanza, así como o papel panóptico do mestre que o controlaba todo dende a súa tarima. Experiencias promovidas por María Montessori, Pestalozzi, Fröbel, Freinet, a Escola de Summerhill ou polos membros da Institución Libre de Enseñanza como Giner de los Ríos iniciaron dunha ou doutra maneira esta ruptura.

Pechou Enguita a súa lección, a pesar de ditala abandonando a tarima, advertindo que o novo modelo de hiperaula, no que se incorporan as tecnoloxías dixitais e a intelixencia artificial, esoutro eufemismo para referirse aos robots que interactúan cos seres humanos, chegará a todos os niveis educativos e permitirá a escolarización en grupos máis grandes a cargo de varios docentes, rompendo así o modelo da aula como caixa negra. Para Enguita este modelo, que se puxo en marcha estes días na súa propia facultade, solucionará debates interminables como a dos ratios de alumnado por profesor, así como fenómenos como o da codocencia colaborativa  levarán a modificar a identidade do profesorado actual baseada nunha aula e nun grupo. «Queirámolo ou non, estamos inmersos nun proceso de cambio que require da mudanza do ecosistema escolar», rematou o autor de Más escuela y menos aula.

Tan abraiado deixou Enguita ao auditorio que, a pesar da insistencia da presentadora, non houbo pregunta ningunha dos case douscentos orientadores participantes. Quedei coa brillantez da exposición, sobre todo na crítica do modelo de aula como caixa negra, alicerce da organización escolar dende o século XVIII, baseado na lección («o mestre que le o libro de texto») a unha clase (o que obrigaba a categorizar ao alumnado polo criterio de sexo, idade…). Mais tamén marchei cismando na ausencia no discurso de Enguita de elementos críticos sobre a configuración do modelo de hiperaula no marco da escola pública actual en España nin referencia explícita ningunha ás relacións destas tecnoloxías coas aprendizaxes.

Un debate sobre o futuro da educación na sociedade da información no que aconsello contrastar este discurso sociolóxico de Enguita co que ven elaborando o catedrático galego de Tecnoloxía Educativa da Universidade de la Laguna Manuel Area Moreira.