Presentamos onte en RedondelaCabalos e lobos, a novela de Fran P. Lorenzo gañadora da XXXII edición do Premio Blanco Amor. Nesta ocasión Fran utilizou os catro booktrailers que preparou Mónica Ares para enfiar a súa intervención sobre unha novela na que confesou pretendeu mesturar tres planos, «o histórico, o íntimo e o espacial.» Xustificou o título como «metáfora do comportamento das persoas en tempos de conflito» e reivindicou a arquitectura de Francisco Castro Represas como «arquitectura patrimonial racionalista.» Nunha das súas referencias a Vigo utilizou unha frase que me pareceu memorable. «Vigo é unha cidade onde todo o mundo garda memoria das súas ofensas.» Na presentación participou tamén Javier Bas, alcalde de Redondela, que insistiu na importancia da iniciativa municipalista do premio Blanco Amor, rescatado polo seu concello o pasado ano 2014, que no actual será convocado pola Deputación de Ourense.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/BLANCO-AMOR_01-1.jpg635445bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-30 09:09:362015-04-30 09:11:23Onte 1310: Premio Blanco Amor en Redondela
Fran P. Lorenzo recolleu onte na editorial os primeiros exemplares de Cabalos e lobos, a súa primeira novela, coa que obtivo o premio Blanco Amor 2014. Para acompañar a visualización do libro, que culmina una longa carreira de fondo en solitario, Fran foi publicando no seu blog unha serie de tomas audiovisuais, realizadas e montadas por Mónica Ares, que compoñen un fantástico booktrailer en catro entregas nas que sutileza se recollen temas, músicas e atmosferas da obra. Cabalos e lobos achégase á novela rosa pola súa condición popular e para relatar una historia de amor homosexual nun tempo de silencio e represión. Unha novela que se expresa a través da voz de varias mulleres que dan conta dunha saga familiar que abrangue todo un século. A través de diversas formas contar Fran P. Lorenzo crea e recupera un espazo urbano que determina e condiciona os personaxes, ubicado na cidade de Vigo que, malia as dificultades históricas que vivía, era daquela profundamente cosmopolita.
Na primeira toma soa un lied de Schubert, «Margarida na roca», que ten un protagonismo destacado na trama, sobre as imaxes dos cabalos a trotaren sobre una praia nevada. Unha composición que Fran considera “sublime, no sentido exacto deste termo tan maltratado”.
Na segunda utiliza a secuencia central da película Estate violenta de Valerio Zurlini, para Fran «una mestura perfecta de historia e abandono» no contexto da segunda guerra mundial, escenario presente tamén na súa novela, sexa en Vigo ou en Lübeck, berce da familia protagonista, os Beckmann.
Na terceira, a fotografía que fixo o autor o primeiro de xaneiro de 2015, a lúa de Vigo pousada sobre Gran Vía nº 2, o edificio Albo, que leva a sinatura do arquitecto vigués Francisco Castro Represas, representa a columna vertebral da novela, tamén presente na portada deseñada por Roi Fernández.
Por última, na cuarta, as imaxes evocan as mobilizacións obreiras viguesas de setembro de 1972, sobre a música de «Starman», a canción de David Bowie coa que o autor confesa escribiu algunas páxinas da obra, na que está tan presente a memoria persoal e familiar como a da cidade Vigo dos versos de Helena de Carlos.
Tempo haberá para volver sobre Cabalos e lobos, que chegará ás librarías a partir do 16 de abril e será presentada en Vigo o 24 de abril e en Compostela o 28.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/XG00070101.jpg303200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-08 00:01:012015-04-07 18:50:51Onte 1288: «Cabalos e lobos» de Fran P. Lorenzo