Onte 1054: Primeiro día de feira
Non decepcionou o primeiro día da feira do libro da Coruña. A presentación d’ A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz e o acto arredor do futuro do galego organizado pola revista Luzes e Xerais convocaron a moita xente.
Foi a crítica María Xesús Fernández quen conversou con Agustín sobre A viaxe de Gagarin desvelando a peripecia vital do Agustín máis coruñés, «aquel que viviu na Coruña do 71 ao 76, cando estudou Maxisterio, onde o coñecimos na primeira Asociación Católica de Mestres, situada no local dos dominicos, onde traballou como mestre en prácticas no Fogar de Santa Margarita, onde coñeceu a Xabier Docampo, e onde casou en 1976». Unha conversa moi fluída e engaiolante que esvarou polos detalles da novela máis coruñesa do autor, pola súa viaxe aos cambios producidos nos anos sesenta da carreira espacial e da introdución das primeiras tecnoloxías nos fogares, pola historia dun amor imposible ou polo esforzo tremendo de documentación realizado e compartido polo autor no blog Gagarin.
Coincidindo co lanzamento do número 8-9, un especial de verán, iniciado co manifesto «O galego na fronteira da extinción», os responsables da Revista Luzes propuxeron a Xosé Freixeiro Mato, Valentina Formoso e Miguel Moreira, autores de tres títulos recentes de sociolingüística publicados por Xerais, que ofrecesen o seu diagnóstico e perspectivas sobre o estado e o futuro da lingua.
Para Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor de Lingua de calidade, «hoxe o galego está no corredor da morte agardando por un indulto», «rompeuse a cadea de transmisión interxeracional e pasou a ser lingua minoritaria nos tramos iniciais de idade, en boa medida a causa das políticas dun doberno lingüicidida». Apelou Freixeiro á sociedade galega para deter este proceso.
Para Valentina Formoso, autora do Estigma á estima. Propostas paa un novo discurso lingüístico, «o futuro da lingua pasa pola súa normalización». «O galego non é unha reliquia para gardar nun museo. Este é o momento de seguir adiante, aínda que poidamos mudar a forma de camiñar». Propuxo Valentina «turrar uns polos outros, na familia, nas escolas e na rúa», «sermos máis proactivos, afondar nos estigmas que teñen os falantes, creando un imaxinario en positivo arredor da nosa lingua, que debe ser tan útil como hexemónica». «A nosa obriga é negar o actual imaxinario sobre a lingua, crear unha estratexia capaz de mudar o discursos para toda a sociedade. Trátase de apostar por un plurilingüismo inclusivo, onde a nosa lingua sexa o centro».
Por último, Miguel Moreira, autor de Contra a morte das linguas. O caso do galego, comezou lembrando a figura de Nerón tocando a lira mentres ardía Roma para expresar a responsabilidade da Xunta de Galicia sobre a situación actual da lingua, como tamén a Real Academia Galega, á que criticou polo nomeamento de Xosé Filqueira Valverde para o vindeiro 17 de maio. Para Moreira «o dilema do galego é se formará parte dese 90 % das linguas actuais do mundo que non superarán este século». «O galego retrocede no eido dos máis novos, xa non existe transmisión interxeracional». Porén, expresou a súa confianza en mudar a situación xa que «as linguas non morren se os falantes non adopatan as políticas lingüicidas».
Abriu e pechou o acto a melancolía da concertina de Rómulo Sanjurnjo. Magnífica primeira xornada de feira!