Artigos

Onte 1013: O escritor na súa terra

Homenaxe-Xabier-Docampo_21-06-2014
Acompañamos onte primeiro a Xabier DoCampo na homenaxe que lle rendeu a AELG en Castro de Ribeiras de Lea e despois, no serán, a Ramón Vilar Landeira na presentación en Cerceda d’ Os televisores estrábicos, o seu primeiro primeiro libro de relatos. Dous actos que moito pagaron a pena nos que celebramos a memoria do berce e da infancia, conformada no texto literario e madurecida na patria da lingua.

En Castro da feira, onde o mundo se chama Terra Cha, homenaxeamos a Xabier Docampo, o fillo de Raimundo o muiñeiro do Castro e de Teresa a costureira. O seu irmao Agustín Fernández Paz nunha intervención memorable celebrou a súa arte de contar –de quen non dubido é o mellor contador oral da literatura galega– as historias recibidas e as propias, a súa emoción como lector e a súa preocupación pola lectura como competencia cívica, o seu oficio como ensinante, o valor que o chairego dá á amizade, as súas habelencias como cociñeiro, a súa fidelidade coa terra e coas raíces, como a lealtade e a defensa inquebrantable coa patria da lingua, un patrimonio da humanidade enteira. O relato emocionante daqueles seus días de infancia no Castro realizado no acto polo Xabier será unha desas alfaias orais que sei confesaremos con fachenda termos escoitado. Grande, moi grande, Xabier!!!

Os_televisores_estrabicos_Cercedo_21-06-2014

En Cerceda, nas terra de Ordes e Bergantiños, Ramón Vilar presentou diante máis dun centenar dos seus veciños e amigos o seu libro sobre a precariedade e a precarización neste tempo de crise, onde é difícil subsistir con «mínimos de record», como reza a canción de Ataque Escampe. Os televisores estrábicos é un libro de mudanzas, tránsitos, apenas tatuaxes da realidade actual, retratos fugaces de xentes que non aparecen nas páxinas dos xornais. Un libro breve e potente, un debut moi prometedor, no que se aposta mesmo pola creación de Grandil como un mundo literario propio. Na biblioteca de Cerceda gustei moito da calor coa que Vilar foi arroupado pola súa comunidade, coma souben do seu humor retranqueiro e dotes de finísimo narrador oral no relato que fixo do que lle aconteceu hai unhas semanas cando ía presentar a Santiago un libro dun seu amigo ou cando comentou as notas de lectura recibidas no seu teléfono. Magnífico, Moncho!

Entre a treboada intimidatoria e os fumes mestos de Meirama regresamos contentos coma cucos dunha xornada memorable na que acompañamos a dous escritores (de xeracións ben diferentes) na súa terra.

Grazas a Agustín Fernández Paz por achegarnos o texto da súa laudattio a Xabier.