Listado de la etiqueta: manuel_rodeiro

Onte 597: 35 anos de música galega

Dentro da xeira de «Sábados Culturais» que organizamos na Fundación Premios da Crítica Galicia celebramos onte a xornada dedicada a revisar 35 anos de música galega. Ocupáronse da revisión Antón Pulido, o vicepresidente da Fundación, e Xaime Estévez Vila, mestre gaiteiro, profesor de música no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e investigador da música galega.

Pulido recuperou da memoria a experiencia interesantísima do Departamento de Música Contemporánea do CGAC dirixida por Manel Rodeiro durante os anos 1995 e 1996. Lembrou os contactos que daquela mantivo co compositor Pierre Boulez, creador do IRCAM, e as relacións que con esa institución se estableceron no ámbito da investigación sobre música e tecnoloxía informática. «No Departamento de Música Contemporánea do CGAC fixemos o Ensemble do CGAC, a primeira agrupación de música contemporánea de Galicia, intérpretes procedentes da Filharmónica da Coruña que executaron pezas de Boulez, John Cage, Stockhausen, Ligetti… Houbo cursos de composición con compositores de talla internacional, como o francés Tristan Murail (ao que se lle encargou unha obra) ou o finlandés Magnus Lindberg. Organizáronse xornadas de música contemporánea, estreáronse obras de compositores galegos como Xan Viaño, Enrique X. Macías, Paulino Pereiro, Manuel Rodeiro e Antón Lois Pulido, entre outros. Participaron músicos de talla internacional: Pierre-André Valade, Pierre Strauch, Kari Kriikku, Pierre-Yves Artaud, Miguel Bernat, etc. Foi unha fiestra aberta, unha esperanza para a música contemporánea en Galicia. Mágoa que non continuase».

Pola súa banda, Xaime Estévez Vila fixo un completo percorrido polas achegas dos premiados na categoría de Música nos Premios da Crítica Galicia dende A Roda e Milladoiro en 1978, para el «alicerces da música galega de hoxe en día», até a Asociación Galega de Compositores premiada na última edición. Referiuse á importancia que tiveron premiados como Roxelio Groba («o compositor galego de referencia neste período»), Joam Trilho («director de orquestra, que loitou pola Xove Orquestra de Galicia«), Carlos Villanueva («investigador da música galega dende a universidade»), Dorothe Schubert («importantísima polo salto cualitativo que supuxo a súa colaboración con Antón Santamarina na recuperación do cancioneiro popular«), Enrique X. Macías («o primeiro dos nosos compositores con proxección no mundo«), Na Lúa («agrupación folk coa que naceu o achegamento da música galega cara Portugal»), José López Calo («erudito da música galega medieval»), Carlos Núñez («representou unha inflexión na discografía galega, capaz con el de espallarse polo mundo dende a música de raíz«). Citou tamén a importancia de ter premiado a músicos populares como os recentemente falecidos Xosé Iglesias «Melitón» e Henrique Otero Covelo «O gaiteiro do Fragoso» («o primeiro gaiteiro que edita un libro de gaita e o primeiro que ensinou o instrumento nun conservatorio«). Tamén se referiu a importancia de iniciativas como o Programa Alalá, a editorial Ouvirmos e a orquestra folk Son de seu.

Continuou Xaime Estévez analizando algúns fenómenos de interese neste período histórico. Citou a importancia da creación dos conservatorios en Galicia e a introdución da música, a partir da LOXSE, como materia obrigatoria do ensino non universitario. Lamentou a retroceso que para o estatus escolar da música supoñería a aprobación do previsto na LOMCE, máis aínda cando é unha das materias máis valoradas polo alumnado. Citou a importancia da desaparición das agrupacións musicais profesionais, como a Banda de Música Municipal de Vigo, así como o valor das numerosas bandas populares existentes na comarca de Vigo, probablemente a máis vizosa en Galicia no eido musical. «A importancia das bandas é enorme, xa que achegan cohesión social no mundo rural. Sempre foi así, Soutullo e Groba xurdiron destas bandas incrustadas nos recunchos das aldeas».

Rematou Estévez falando das diversas etapas das gravacións musicais: «Nos 70 comezaron Fuxan os ventos, Milladoiro e Luís Emilio Batallán, entre outros cantautores. Os 80 foron os anos da movida, con Reixa, Siniestro Total e a relación da música galega co mundo celta, que nunha segunda fase se foi abrindo cara o sur. Somos musicalmente un eixo entre dúas culturas atlánticas, a céltica do norte e a lusofonía do sur. Nos 90 foron as gravacións do Rock Bravú, dos gaiteiros solistas e das primeiras gaiteiras (Seivane e Pato). Xa neste década pasada, apareceu Son de Seu e comezou a recuperación dos cancioneiros históricos e das primeiras gravacións da múisca galega».

Tras a intervención de Caetano Rodríguez, concelleiro de Cultura e Turismo do concello de Vigo, nas escaleiras de acceso á Casa Galega da Cultura na Praza da Princesa, o cuarto Os Caramuxo deu un pequeno concerto de media ducia de pezas diante de máis de dous centenares de persoas. Os catro clarinetes na súa diversidade, a percusión tradicional e o acordeón arricaron a elegancia alegre de melodías de inequívoca raíz popular, Como sinalou Bieto Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica, «a música dos Caramuxo contaxia paz e felicidade».

Estupenda foi esta segunda edición dos «Sábados Culturais», que continuaremos o vindeiro sábado coa conferencia prevista de Xesús Alonso Montero sobre Rosalía de Castro e Cantares Gallegos.