Listado de la etiqueta: manuel_fraga

Onte 491: A lingua devala nos orzamentos

O informe elaborado pola CTNL amosa que o goberno de Feijoo ten previsto dedicar á lingua galega en 2013 só un terzo do que hai vinte anos dedicaba o goberno de Fraga. Un retroceso orzamentario brutal que supón pasar daqueles 17 millóns de euros de 1993 (o 0,43 % dun orzamento total da Xunta que daquela acadaba os catro mil millóns de euros) aos apenas 5,7 millóns de 2013 (o 0,06 dun orzamento actual, a pesar dos recortes, de máis de nove mil millóns). Noutras palabras, a pesar de que nestas dúas décadas a Xunta duplicou o seu orzamento, reducíu as partidas para a lingua galega nun 66,82 %. Un retroceso moi significativo, unha perda de peso político da lingua galega que, como demostra o completísimo cadro resumo elaborado pola CTNL, prodúcese, sen excepción, en todas as partidas cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así, por poñer algúns exemplos do que máis directamente coñezo, as subvencións a empresas editoriais para a edición de materiais didácticos diminúen un 79,2 % con respecto á convocatoria do derradeiro goberno Fraga en 2005, xusto tras a aprobación do PXNLG, até os 250.000 euros de 2013 (unha cantidade que supón unha diminución do 16,7 % sobre o pasado ano). Outrosí sucede coa partida para proxectos de fomento da lingua galega nos centros educativos non universitarios, que diminúe un 25 % con respecto a 2012 ou as campañas de normalización que contarán en 2013 co 48,5 % menos ca no ano anterior. Máis alá de declaracións retóricas ou de xestos de mercadotecnia política, os orzamentos son o documento esencial para valorar as políticas gobernamentais, xa que é onde se fixan obxectivos e prioridades, ao tempo que se asumen compromisos. Polo que amosan estes orzamentos, xa no trámite de debate parlamentario, as políticas de Feijoo sobre a lingua galega seguirán en 2013 o seu devalo até os territorios da insignificancia. Mesmo sendo moi xenerosos, non enxergamos por ningures motivos para identificar unha posibilidade de mudanza da tendencia. Así continúan as cousas.

Expreso gratitude e recoñecmento a CTNL polo seu magnífico e rigoroso informe.

Onte 131: Fraga

A maior parte dos obituarios sobre Manuel Fraga Iribarne, tan coidadosamente preparados na última semana e algúns mellor escritos, sinalan con todo detalle os fitos principais da súa traxectoria política ao longo de seis décadas. Un longuísimo período no que, coa excepción da década dos oitenta, Fraga detentou o poder e o exerceu de forma tan pragmática como autoritaria. Unha actividade política á que seguramente non foi allea á formación intelectual que recibíu durante os anos da posguerra, bebendo das fontes do pensamento de Carl Schmitt e do conservadorismo español, que modelaron a súa idea autoritaria do Estado, apenas matizada por unha certa preocupación social-cristiana. Con estes criterios foi capaz de adaptarse ás necesidades do poder en cada momento, na ditadura, na transición e no período autonómico, o que lle supuxo asumir un comportamento aparentemente contraditorio. Como ministro do Generalísmo abrazou a ditadura, sen retractarse nunca de ter participado na toma de decisións daqueles gobernos, o que non lle impediu fachendear de ter liderado a chegada do Turismo do «Spain is different» ou da «aperturista» Lei de Prensa, que suprimía a censura previa. Como ministro da Gobernación de Arias Navarro apoderouse da rúa, o que provocou outros episodios escuros, dos que tampouco nunca se arrepentiu, mais que probablemente impediron fose escollido por Juan Carlos para «pilotar» a chamada «Transición». Como líder de Alianza Popular conduciu á dereita franquista até asumir unha Constitucións que recoñeceu –en contra do seu criterio– as tres nacionalidades históricas, como única herdanza da Segunda República. Tras case unha década intentando sen éxito ser elixido Presidente do Goberno, tivo o mérito de entender Galicia, onde naceu, coma un país de seu. Aí, probablemente, residiu o seu maior e innegable éxito político, que lle permitiu gobernar Galicia durante dezaseis anos cun importante apoio popular. Fíxoo empregando os seus criterios autoritarios, utilizando un modelo de xestión clientelar e amordazando de forma tan sutil como eficaz os medios de comunicación. Magoadamente, as infraestruturas, realizadas a maior parte delas con fondos europeos, non abondaron para acometer unha modernización eficaz dos sectores produtivos básicos, especialmente do primario, nin acadaron a vertebración territorial que o país continúa precisando. Con todo, o seu compromiso coas institucións autonómicas, a súa asunción do concepto de galeguidade, o seu respecto aos consensos acadados ao comezo da Autonomía arredor do fomento da lingua e cultura galegas contribuíron a consolidar e prestixiar dentro e fóra o autogoberno galego, unha actitude da que hoxe sentimos saudades, cando gobernan os seus «continuadores».