Listado de la etiqueta: luís_pousa

Onte 1727: Comeza a Feira do Libro da Coruña

Feira_do-Libro_da_Coruña_01-08-2016

Longa e intensa primeira xornada que vivimos onte na Feira do Libro da Coruña 2016 na que se lembrou a Agustín Fernández Paz. Así o fixeron Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e os pregoeiros Pinto e Chinto (Carlos López e David Pintor) en cada súa intervención no acto inaugural do mediodía. Como tamén estivo presente dunha ou doutra maneira nas catro presentacións do serán dos libros de Diego Giráldez, Xavier Seoane, María Solar e Carmen Blanco.

Diego_Giraldez_Kiko_Novoa_01-08-2016

Comezou o serán cunha coa conversa de KIko Novoa e Diego Giráldez arredor de Galería de saldos, un libro que o condutor de Galicia por diante recoñeceu “se le de tirón, a pesar de que nalgúns casos remoe o estomágo”, e do que o seu autor confesou que no proceso de escritura algún relato lle custara rematalo. “O libro deume satisfaccións, está moi apegado á realidade, arranqueino en 2010 cando a crise batía con máis dureza, ten que ver tamén co cabreo”. “Tiña claro que debían aparecer reproducións de obras de artes descontextualizadas, como tamén que era necesario desconxestionar o texto co humor e múltiples referencias cinematográficas e músicais”. Rematou Giráldez afirmando que “non escribo para pasar desapercibido, a miña intención é que a xente lea os meus textos”.

Xavier_Seoane_Xabier_Docampo_01-08-2016

A segunda das presentacións foi a de Todos somos Ulises, o libro de ensaio sobre a educación de Xavier Seoane, que constituíu unha homenaxe á figura de Agustín Fernández Paz como mestre e pedagogo. O presentador, o escritor Xabier DoCampo comezou as súa intervención sinalando que “esta é a obra dun home que ama con paixón todo o que fai, a súa profesión de profesor, a súa vocación de poeta, de aforista ou de narrador, sendo a educación e a lectura dúas das súas paixóns”. Docampo definiu Todos somos Ulises como “libro denso, profundo, pensado non só para profesores e pais, tamén para toda a xente que pensa que as cousas na educación poden facerse mellor”. Xustificou despois o título e o subtítulo (“se non é democrática nin humanista é instrución, non hai educación”), xa que “para Seoane a educación é un camiño, o de regreso de Penélope e Argo, este é o libro dun filósofo sobre os camiños que conducen á sabedoría e o coñecemento”.

Sinalou Xabier Docampo diversos aspectos dunha obra que confesou moito lle interesara e lera devagariño. “Seoane apela á imaxinación e a fantasía como elementos constitutivos dunha boa praxe educativa”. “Concibe a educación como construción individual e da humanidade”. “Salienta o papel da vocación, a posibilidade de gozar, de facer aquilo que nos fai felices, reivindicando que toda persoa ten dereito a formarse e facelo en liberdade”. “Aborda o tema da excelencia afastándoa de calquera elitismo, alimentada nos grandes valores colectivos que fecunda a comunidade”. “Concibe as destrezas como un escenario para a intelixencia, a arte última da sabedoría, a plenitude do individuo, a súa felicidade”. “Reivindica a lectura como forma fulcral de achegarse ao saber, como magnífica é a lectura que fai do papel da imaxe, da palabra e da tecnoloxía”.

Xavier Seoane recoñeceu que “este non é libro coxuntural, razón pola que non utilicei cifras sobre o estado da educación, que sempre son penosas”, “quixen facer un libro de educación máis sobre os fins ca sobre os medios, xa que estou convencido que na educación a tecnoloxía somos nós, os fins somos nós”. “Estase traballando erradamente xa que o que pretenden as políticas ultraliberais é preparar profesionais, unha concepción economicista, unha forma restrictiva desalmada, carente de valoree humanos, que pretende formar aos alumnos só nas destrezas bñasicas, mais onde non hai interes para espesar o coñecemento”. Lembrou Seoane que “xa Habermas dicía que o círculo da vida é moito máis grande que o círculo de ferro da empresa”. Seoane insistiu na súa defensa da excelencia para todos, “hai que darlles elevados niveis de ensino a toda a xente, no marco dunha formación xeralista”. Rematou as sáus palabras reivindicando o papel do profesorado, “acutalmente laminado, como todas as persoas con pensamento”: “Vexo aos profesores sós, non se lles escoita, a pesar de que son o axente fundamental da educación”.

MB_Maria_Solar_Luis_Pousa_01-08-2016

A terceira das presentacións foi a d´As horas roubadas, a novela de María Solar, O presentador, o escritor e xornalista Luís Pousa, destacou da obra que “estamos diante dunha novela de formato clásico, moi ben construída, unha historia dun amor perdurable, maduro, de vellez que se desenvolve a ambos lados de Galicia, retratando moi ben un tempo, o do ano 1979, onde se respiraba a atmosfera dun país algo cutre e miserable, afastado do modelo típico da santa transición edulcorada dos Alcántara”. Luís Pousa salientou despois que “non cría no salto entre os xéneros nin nas etiquetas entre xéneros, como demostraba os libros de Casares ou Agustín Fernández Paz que navegaban entre as etiquetas da literatura infantil e xuvenil e da chamada adulta como acontece agora con María Solar, todo é literatura”.

Carmen_Balnco_XAM_01-08-2016

Pechou o serán de presentacións o da monografía histórico O volframio en Varilongo de Carmen Blanco Ramos que foi introducida por un discurso de Xesús Alonso Montero, presidente da RAG e prologuista do libro.

Onte 1683: Diálogo dos poetas Rafael Cadenas e Anxo Angueira

angueira_cadenas_24-05-2016 (2)

Acompañei a Anxo Angueira no diálogo que mantivemos onte en Vigo co poeta venezolano Rafael Cadenas. Tras a recollida do Premio Internacional de poesía Federico García Lorca, outorgado polo concello de Granada, o autor do mítico poema “Derrota” (1963), unha das grandes voces da poesía española das seis últimas décadas, dialoga cos poetas galegos nunha xira organizada por A Fundación.

Comezamos a conversa falando da vixencia de “Derrota”, un poema que Cadenas definiu como “moi confesional e circunstancial, xa que tiña que ver tanto cunha situación persoal moi difícil, unha depresión, e cunha situación política moi concreta, a da derrota do movemento guerrilleiro, co que hoxe estou en absoluto desacordo”. “Non coindido co poema hoxe nin o poema coincide comigo”. A seguir Angueira e Cadenas falaron da importancia das palabras e do idioma como materia prima do poema. “As palabras recobran o seu valor no poema”, sinalou o galego, ao que engadiu Cadenas que “as palabras precisan tamén do necesario silencio para sosterse”. Angueira salientou que na obra de Rafael Cadenas percibía “unha rectitude nova, unha limpeza no uso das palabras”.

Cadenas e Angueira coincidiron no litixio existente entre a realidade e a realidade poética, un conflito que para o poeta venezolano ten que dirimir o lector, “é imprescindible contar coa súa participación e coa súa experiencia, o lector completa o poema, o lector ten que ser dalgún xeito tamén poeta”. Angueira lembrou o poema de Luis Pimentel, “a poesía é o gran milagre do mundo” para salientar o papel da función poética, o que completou Cadenas sinalando que “somos indispensables para que haxa mundo, sen sentidos, sen percepción non hai mundo posible”. Tirando dese fío Anxo Angueira citou (e recitou con emoción)  a cantiga de Mendinho, capaz de crear unha literatura, a galega, o que supuxo unha descuberta para o noso convidado.

Rematou a conversa, na que Cadenas mesturou a lectura de poemas dos seus dous últimos libros, Sobre abierto (2012) e En torno a Basho y otros asuntos (2016), publicados ambos os dous por Pre-textos, falando sobre as relacións entre a poesía e a filosofía e sobre os aforismos ou “dichos” presentes en toda a obra do poeta venezolano. Cadenas confesou que “concibía moitos dos seus poemas e dos seus aforismos como recados para o poder”, “non me gusta utilizar a palabra ‘mensaxe’ en poesía, prefiro ‘recado’, xa que a elección da palabra precisa ten que ser un empeño do poeta”. Referiuse Cadenas, por último, a relación entre pensadores e poetas, como Goethe con Spinoza ou Dante con Tomás de Aquino, “detrás de cada poeta hai un pensador”. O ciclo de Cadenas en Galicia seguirá hoxe na Coruña, en diálogo co xornalista e escritor Luís Pousa e a poeta e editora Dores Tembrás,