Persoas adolescentes na corentena
Polo momento evolutivo no que se atopan tampouco é doado para as persoas adolescentes pasar un mes sen saír da casa, sen facer deporte, sen acudir ao seu centro escolar ou sen estar a carón das súas amizades. A corentena é un tempo difícil tamén para elas.
Os medios de comunicación achegaron diversas recomendacións ás familias de especialistas en Psicoloxía da adolescencia que poden axudar a enfrontar mellor estes días de confinamento obrigado na casa:
1–. As persoas adolescentes deben continuar mantendo o fío do seu entorno social: comunicándose por medio dos seus dispositivos coas súas amizades e persoas coñecidas, realizando as actividades curriculares propostas polo seu centro, participando nas rutinas familiares de limpeza ou mesmo nas colectivas como o aplauso vespertino.
2–. As persoas adultas deben asumir a responsabilidade de manter as rutinas e horarios de costume na casa. Cunha actitude paciente e flexible deben propoñer que toda a familia comparta algunhas actividades que os seus membros non fan xuntos decotío: xogar en familia, ver unha película, participar na visita virtual a un museo, cociñar xuntos, compartir cancións favoritas ou ler en familia … E sobre todo, falar e manter unha comunicación afectiva.
3–. As persoas adolescentes deben ter acceso permanente ás noticias sobre a crise provocada pola pandemia e posibilidade de comentalas coas adultas dende unha perspectiva crítica e sen alarmismos. As persoas adultas deben insistirlles na necesidade de que utilicen fontes seguras e que comproben de forma crítica calquera noticia que reciban nas redes sociais, desbotando bulos e noticias falsas.
4–. Tanto as persoas adultas como as adolescentes deben recoñecer que na situación de corentena poden aparecer momentos de ansiedade, desánimo ou sensación de illamento, o que non debe alarmar, xa que os especialistas consideran «expresión dunha función normal e saudable que alerta das ameazas e axuda a tomar medidas para protexernos».
5–. É tamén posible que o desenvolvemento da crise provoque nas persoas adolescentes inquietude, ás veces expresada, outras non, como incerteza sobre o futuro, que as leve a repregarse aínda máis entre elas e sobre si mesmas. Neste caso as persoas adultas deben facilitar a expresión das súas emocións: «comprendamos que están tristes para que logo se sintan mellor».
6–. Sen embargo, na corentena as persoas adultas deben tratar de controlar as súas propias emocións, as adolescentes confían en que os seus pais lles proporcionen sensación de seguridade. Nunha situación como esta espérase das persoas adultas que sexan capaces de compartir coas adolescentes «palabras, reflexións, inquietudes, esperanzas e testemuñas dunha vida que continúa».
Para quen queira afondar nestas cuestións, recoméndase a lectura destes textos publicados ao fío da corentena:
–. «Adolescentes e coronavirus», artigo de opinión Ricardo Fandiño, presidente de ASEIA, La Voz de Galicia, 22-03-2020.
–. «Adolescentes en casa: los expertos aconsejan a los padres paciencia, flexibilidad y dar información veraz», reportaxe de Cristina Bisbal Delgado, El País, 17-03-2020.
–. «Coronavirus: 7 claves para proteger la salud mental de los adolescentes», entrevista a Lisa Damour, Unicef, 23-03-2020.
A Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA) pon a disposición das familias un servizo telefónico de apoio emocional onde poder xestionar as inquedanzas e o posible malestar derivado da situación do estado de alarma.
Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.