Onte 2085: «Aitaren etxea», a novela impresionante de Karmele Jaio
Unha das doenzas do centralismo cultural que padecemos é a escasa circulación das novidades literarias (tamén musicais, cinematográficas ou teatrais) en catalán, éuscaro ou galego mais alá das súas fronteiras lingüísticas. Porén, de cando en vez o sistema editorial español acepta a tradución dalgúns textos ou autorías moi consolidadas destas nosas literaturas avalándoas por algún dos premios acadados ou por unha importante cifra de vendas no seu primeiro mercado. Por ese camiño cheguei a La casa del padre (Destino 2020), a tradución ao castelán de Aitaren etxea (Elkar 2019), a novela da escritora euscalduna Karmele Jaio, presentada polo grupo Planeta como «o mellor libro en éuscaro» pola asociación de librarías de Nafarroa. Foi unha fortuna deixarme levar por esta recomendación da mercadotecnia editorial despois da lectura a comezo da pandemia da tradución ao castelán de Etxeak eta hilobiak (Pamiela 2019), Casas y tumbas (Alfaguara 2020), a novela potente do meu admiradísimo Bernardo Atxaga.
Tras a lectura de Aitaren etxea, Karmele Jaio pasa a formar parte indiscutible da relación de autorías euskaldunas que seguirei, xunto á do propio Atxaga, Kirmen Uribe e Harkaitz Cano, dos que en Xerais publicamos algúns títulos anosados para o galego polo escritor Isaac Xubín, sempre pendente de tender pontes da nosa literatura coa basca. Confeso que Aitaren etxea impresionoume como poucas outras novelas nos últimos anos. Entusiasmoume tanto pola súa arquitectura narrativa na procura da identidade das voces dun home e dunha muller, para o que emprega o artificio de expresalas unha en primeira persoa e outra desdobrada en dúas segundas, como pola súa construción en forma de novela de intriga que afonda sobre a transmisión xeracional de valores e mandatos de xénero no marco familiar. O xogo maxistral destas voces e unha trama leve, construída apenas sobre un accidente familiar, unha caída que obriga a hospitalización da ama e aos fillo e a filla a acompañar ao aita, permite afondar, cavar sería máis preciso, nos silencios, dores e medos da familia.
Aitaren etxea fala sobre como se constrúen sobre o silencio da familia os valores e os comportamentos que nos condicionan como homes e mulleres, mais tamén como tomamos conciencia sobre eses condicionantes. Particular interese ten a construción do personaxe masculino, Ismael, un escritor en déficit creativo, sobre o que xira toda a reflexión arredor dun modelo determinado de masculinidade, tamén moi marcado xeracionalmente, ao que non son alleas violencias sutís sobre as súas compañeiras. Como tamén é extraordinaria a construción do personaxe de Jasone, capaz de falar dende as súas entrañas sobre a ferida da violación (sempre aquela manada de san fermín axexando), sobre o seu papel de coidadora e amante, como sobre as renuncias daquelas mulleres que teñen necesidade de ser aceptadas polos homes.
Aitaren etxea propón, tamén, unha reflexión sobre a propia escritura de homes e mulleres, e como está condicionada polo xénero duns e doutras (velaí a procura do cuarto propio de Woolf). Mais tamén da escritura como lugar onde aparecen as verdades escritas con palabras de chumbo, esas palabras que pesan, fronte as palabras ocas da bixutería literaria que buscan algúns editores, representados aquí polo personaxe de Jauregui. En definitiva, unha novela conmovedora, de lectura envolvente e arrebatadora, capaz de interpelar á lectora sobre como o xénero determina dende onde e como ollar o mundo. Moi recomendable.