Onte 521: «Como salir de esta»
Aproveitando a fin de semana, completei a lectura de Como salir de esta, o magnífico ensaio sobre a crise económica en España do xornalista José Luis Gómez, editado por Actualia, un selo da editorial coruñesa Netbiblo do editor Carlos Iglesias. Aprendín unha barbaridade con este libro de divulgación económica escrito con prosa xornalística e espírito didáctico da mellor escola. Máis de duascentas páxinas trepidantes nas que se radiografía con claridade esta crise de débeda (sobre todo privada) á que se lle impuxo como mellor receita unha devaluación interna baseada nos tres principios da axenda alemá para España: «impostos máis altos, salarios máis baixos e moito desemprego».
O diagnóstico de Gómez afonda sobre os efectos das políticas de consolidación fiscal (o eufemismo técnico dos «recortes» dos servizos públicos, definidos aquí como «austericidade») que están provocando un aumento da desigualdade e da pobreza até os límites da exclusión social que ameaza a máis de once millóns de persoas. Crise que para o autor chantou raíces no modelo produtivo da burbulla inmobiliaria dos anos noventa do século pasado e nas dificultades actuais de crecemento, competitividade e produtividade do conxunto da economía española. A pesar de que Gómez non é un gurú nin falta que lle fai, arrisca enxergando unha saída para a crise baseada na corresponsabilidade, na equidade social e no rigor das politicas fiscais. Consciente que coa austeridade non abonda, propón políticas de crecemento inseridas nun plan de reformas en profundidade e ao longo prazo, no que é indispensable a implicación dos axentes sociais, destinadas a potenciar a produtividade e aumentar a competitividade. Para saír da crise precísase producir e exportar máis, realizando unha aposta decidida pola economía produtiva como camiño de creación de emprego. Gómez aposta, ademais, por un reforma profunda das administracións públicas e por unha nova política fiscal que grave as transacións financeiras, aplique máis impostos aos máis ricos e, sobre todo, combata a economía somerxida.
Mención á parte merece a coidada escrita dun texto concibido coma un complexo mosaico informativo, capaz de integrar datos, gráficos, reflexións e testemuñas moi diversas de economistas, xornalístas e políticos, ademais das moi escollidas citas literarias coas que o autor adoita pechar algúns dos parágrafos máis argumentativos e cada un dos capítulos. Un acerto! Un libro que aproveitei moito e recomendo vivamente. Parabéns para o autor e para os editores.