SÍNDROME DE FILIAL
Creo que ten razón meu irmán Eduardo cando di que este Celta padece a síndrome de filial, eses equipos tan simpáticos para os rivais, gabados por tratar ben a pelota, por ter vontade combinatoria, mesmo por chegar a golear, mais que tamén, finalmente, son doados de superar para os equipos máis feitos e competitivos debido a súa febleza de carácter. Nos dous últimos partidos, os célticos amosaron síntomas moi preocupantes desta síndrome e pagaron con senllas derrotas, moi dolorosas ambas as dúas, a súa escasa entidade defensiva e a súa incapacidade para desbordar a dúas defensas (portarías incluídas) serias, contundentes e fiables tacticamente. Aí quizais poida residir algunha das razóns que, transcorrida máis da metade da primeira volta, sitúan ao equipo noso nun chanzo inferior aos catro galos da categoría, Hércules, Almería, Deportivo e Valladolid; conxuntos cos que perdimos, con todos os catro, con claridade. Fronte ao líder repetíuse a decepción da semana anterior en Riazor. Nos primeiros vinte minutos enxergamos algunha esperanza. Apenas transcorridos dous minutos, Aspas debeu marcar, tras deliñar unha falta con moito veleno sobre Falcón, moi asubiado polas peñas. Outrosí, poucos minutos despois, cando a forte presión do Celta nos dous terzos da lameira permitiu que Iago Aspas estragase sobre a rede lateral un gol feito, tras un pase magnífico de Joán Tomás. Foi un espellismo e unha desgraza que penso mudou a deriva do partido. É certo que o Celta combinaba a partir das aperturas de Álex López; como tamén o foi que Orellana intentaba, unha e outra vez, os seus perigosos caneos polo centro ou os seus taconazos de fantasía, mais resultaba imposible superar o valado que o Hércules foi construíndo desque decidiu xuntar as súas liñas. Unha arañeira que unha vez tecida serviulles os alacantinos para procurar algunha xogada de contraataque. A primeira con perigo chegou aos 17 minutos cando Callejón xutou moi colocado e Xoel desviou a córner na súa mellor e case única intervención ao longo do partido. Froito do saque de recanto posterior, coincidindo coa lesión dun defensa noso, deitado no chan, e cunha perda de concentración do resto da defensa, marcou o seu gol o Hércules. Unha brincadeira do azar ou unha desgraza, nunca o saberemos. Aos visitantes abondáronlle estas dúas xogadas como toda a súa achega ao xogo de ataque. Durante a hora e cuarto restante, o Celta monologou coa pelota até o aborrecemento, incapaz de abrir polo centro a lata dun rival que soubo defenderse con moito oficio e moita autoridade sen apenas pasar dificultade ningunha. Durante a segunda parte, Herrera incorporou a David, para aproveitar a mobilidade de Iago nunha das bandas. Faltando vinte, o Celta tivo cinco minutos de grande intensidade onde semellaba podía chegar o empate en calquera momento, ben nalgunha entrada por banda ou dos saques de falta frontais. Joán Tomás tivo un gol feito cando quedou só diante de Falcón, que o arqueiro salvou in extremis. Imposible. As entradas de Bermejo e Toni tampouco conseguiron descentrar a un equipo como o Hércules moi seguro e convencido na súa impecable estratexia defensiva. Os cinco minutos de desconto, amosaron o éxito da estratexia do galego Mandiá, o adestrador alacantino que formara parte da defensa do Celta durante catro tempadas hai vinte anos. É inevitable que a bancada de Balaídos, ademais de fachendear de contar cunha dianteira goleira, deveza por contar coa solidez defensiva que hoxe presentou o líder. A febleza de estrutura, un problema que arrastra o Celta dende a primeira xornada, pode estragar as súas posibilidades de ascenso. Aínda hai tempo e forma de resolvelo.