Listado de la etiqueta: guidetti

Campo do Fragoso CLXXVII

celta-vigo-real-soci-3073509-7_gVASELINA

O Celta recuperouse decontado da malleira da segunda parte do Bernabeu. Outra goleada que avergonzou a afección celeste e demostraba o carácter bipolar do cadro de Berizzo, capaz de recibir máis de media ducia de goles nunha semana e na seguinte amosar unha disciplinada austeridade defensiva. Por ventura fronte á Real Sociedad, un rival directo na angueira europea, o Celta recuperou a súa faciana máis práctica e paciente, a que amosara tamén fronte a Getafe e Vilarreal, aproveitando ao máximo unha xogada xenial de Nolito e Aspas e traballando arreo e sufrindo até o límite para deixar a súa portaría a cero. Unha vitoria pola mínima que sabe a gloria xa que os de Berizzo abren unha importante fenda cos seus perseguidores e manteñen todas as súas opcións no que semella será unha loita moi dura con Sevilla e Athletic pola quinta e sexta praza.

Onte o Celta botou en falta a Tucu Hernández e Orellana, dúas pezas esenciais para que esta tempada funcione o engrenaxe celeste. Durante o inicio do partido dominaba, mais non era capaz de facer circular a bóla coa harmonía e coa fluidez que gusta en Balaídos. Fronte a aspereza dos txuriurdin, que xuntaron moito as súas liñas, e as dificultades de Wass para funcionar como enganche, labor da que se ocupa as mil marabillas o poeta Orellana, Berizzo apostou entón por facer correr a pelota dende a cobertura ao tridente atacante. Un fútbol directo pouco habitual no Celta, mais que transcorrido apenas un cuarto de hora facilitou a xogada que decantou o partido, froito de dúas xenialidades consecutivas, a primeira, o pase de Nolito en carreira, a segunda a recepción de Aspas, tamén en carreira, e a súa marabillosa vaselina sobre un gardamallas ben chantado sobre a liña de meta. Outro gol de alta escola, inesquecible, fermoso na concepción e afortunado na execución que, por riba, supuxo tres puntos de ouro.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta acougou e parecía que podía recuperar o seu fútbol de salón. Tivo, entón, os seus mellores minutos, onde Nolito puido marcar, tras un servizo de Wass, e cando Guidetti chegou con claridade, impoñéndose ao seu marcador de ferro. Xaora, o equipo donostiarra, un chisco preguiceiro no seu ataque, agardando quizais a oportunidade dunha reviravolta de Jonathas, co que mantivo un formidable duelo Cabral, non deixaba nin un furado na súa cobertura. O xogo así foi devalando nun perigoso fastío, que só racharon un remate de Aspas e outro de Wass dende a segunda liña.

Porén, todo mudou tras a reanudación. Eusebio Sancristán non podía desengancharse da loita europea. A Real deu un paso adiante e comezou a acurrular o Celta na súa área. Un asedio constante e intenso, Xabi Prieto e Carlos Vela, tiveron as súas oportunidades fronte a Sergio, mais desta volta os celestes estiveron moi concentrados, sobre todo nos temibles saques de recanto onde podía aparecer o xigante Jonathas. O nivel de sufrimento e resistencia celeste, que os seareiros intentaron rebaixar co seu apoio entusiasta, acadou os seus límites máximos nos catro minutos (interminables) de desconto cando Illarramendi puido marcar até en dúas ocasións e Bruma estragou outra opción clara. Mais non era o día para os donostiarras, xa que os ventos eran propicios para os de Berizzo. Foi un partido moi igualado, decidido a prol dos nosos por unha vaselina en movemento, un alustro de xenialidade do astro de Moaña. Así é o fútbol, unha alquimia misteriosa, onde se funden doses de creatividade e de esforzo, capaz de xerar emoción tan intensa coma a que vivimos onte en Balaídos.

Campo do Fragoso CLXXV

aspas_guidettiGOZAR E SUFRIR

En poucos estadios como no vello Balaídos pode experimentarse mellor que a ledicia e a decepción sexan emocións que xogan en idéntico terreo, capaces de mudar de bando en apenas uns minutos. Os celtistas comprobámolo o pasado sábado, nun partido moi gozoso durante oitenta minutos, nos que os de Berizzo marcaron tres golazos, mais que foi moi inquedante nos dez derradeiros, cando o fantasma da igualada eibarresa axexaba a porta do noso gato de Catoira. Nada extraordinario, xa que todo o celtismo hai tempo que asumiu que o sufrimento forma parte do ADN dunha afección que sabe encaixar con prudencia as vitorias e sen resignación as derrotas.

Xaora, cómpre recoñecer que os dous goles do Eibar en apenas tres minutos, o primeiro no 83, tras un penalti inocente e innecesario de Sergi Gómez, e o segundo no 86, tras unha xenialidade do xaponés Inui, que cruzou un xutazo dende fóra da área, provocaron unha lipotimia no equipo de Berizzo, un esvaecemento transitorio que por desgraza xa coñeceramos en partidos anteriores. Non é doado esquecer a vertixe dos minutos finais co Levante (4-3), os iniciais da segunda parte no Camp Nou (1-6) ou os fatídicos da reanudación do partido de Sevilla (0-4) que pecharon as portas da final de copa. Momentos de procrastinación na lameira e nervios na bancada, provocados quizais polo cansazo, pola inercia do resultado ou como sucedeu o sábado froito das desgrazas inherentes ao propio xogo diante dun rival que non se dobregou.

Máis eses minutos difíciles de desconcerto non poden cuestionar nin o gran partido do sábado nin a magnífica tempada dun Celta capaz de arrepoñerse ás dificultades, que con trece xornadas por diante case conseguiu o obxectivo da permanencia e aspira polos méritos do seu xogo e da súa envexable situación na táboa de marcas a algunha das prazas da competición europea. E foi ese o obxectivo co que saíu de forma case obsesiva a disputarlla ao Eibar, un rival directo, despregando un marabilloso xogo ofensivo, no que moito brillaron as parellas atacante, Aspas e Guidetti, e a de mediocampistas chilenos, Díaz e Hernández, ambas as dúas dispostas a pasar á historia celeste.

O dianteiro sueco soubo facerse un oco no cadro de gala e gañou decontado o afecto e admiración da bancada. A súa intensidade infatigable, a súa colocación para deseñar liñas no espazo baleiro, a súa facilidade para asociarse co xenio de Moaña, a súa capacidade de definición no momento decisivo, como a súa sintonía inmediata co corazón celeste fan de Guidetti un xogador imprescindible a esta altura do campionato. Demostrouno nas oportunidades que tivo na copa, recuncou co Eibar, con dous golazos e con outra actuación memorable, convertíndose cun Aspas, cada vez máis maduro, intelixente e xeneroso, nun dos xogadores máis destacados. Mais outro tanto sucede con Marcelo Díaz, un mediocampista de espírito discreto que en apenas tres partidos deulle ao equipo o acougo e a fluidez que precisaba nunha condución ofensiva, na que conta co soporte do traballo teimoso do Tucu Hernández, para min outra das claves desta tempada celeste.

Con estes vimbios o Celta foi o sábado un ciclón de xogo ofensivo, que non deu opción ao rival durante oitenta minutos nos que a bancada gozou das oportunidade dun equipo a tumba aberta, capaz de entrar tanto polas bandas, sobre todo a de Bongonda e Jonny, como abrir buratos polo centro. Así chegaron os goles, todos os tres de excelente fasquía, aínda que foron memorables o xute de Jonny dende o vértice da área e o que culminou Guidetti tras un pase da morte de Mallo que recibira na liña de fondo outro de Wass. Goles cantados pola bancada como merecían. Endebén, pagou a pena gozar e (tamén) sufrir apoiando a este Celta que continúa enganchado no corno da lúa.