O Vigo de Sereos
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a alertar sobre a situación do programa Sereos de asistencia a persoa excluídas e con adiccións.
Resúltame difícil de comprender como é posible que nunha cidade como Vigo, cuxo concello conta en 2014 cun orzamento anual de gasto de 228 millóns de euros, non sexa capaz de dispoñer dun local onde ofrecer en condicións dignas o servizo de “café quente e bocadillo” do programa Sereos, xestionado pola Fundación Érguete e financiado polo concello, a un grupo persoas excluídas e empobrecidas, a maior parte delas vítimas das adiccións do alcohol e das drogas ou de patoloxías psicolóxicas.
Mais a precariedade do servizo de Sereos, outro capítulo do libro “Historias tristes de Vigo”, ven de lonxe. Foi a finais do século vinte, tras os excesos dos anos oitenta da movida, cando nos locais onde estiveran instalados uns aseos públicos na escalinata entre a rúa Elduayen e a praza de Argüelles, atopou teito o programa asistencial municipal que pretendía cubrir as necesidades básicas dun grupo de drogadictos do centro de Vigo. O intercambio de xiringas e o reparto de preservativos, medidas profilácticas imprescindibles na loita contra a SIDA, así como o engado dun “café quentiño” no inverno, constituían axudas de emerxencia para aquelas persoas que até entón deambulaban polas rúas do centro e do Casco Vello entre as súas choupanas e chutadeiros. Bautizado polos técnicos municipais de Benestar Social como Sereos, pola proximidade do local á escultura de Francisco Leiro da Porta do Sol, o programa alicerzábase sobre a metodoloxía da “axuda entre iguais”, concibindo a hora do café-calor como un punto de encontro, unha referencia na súa rotina, máis tamén nunha oportunidade de socialización, acougo e posibilidade de realización de actividades formativas e rehabilitadoras entre persoas que alí se sentían durante unhas poucas horas formando parte dunha comunidade.
Hoxe desapareceu aquel modelo de intervención socioeducativa que pretendía sacar a estas persoas empobrecidas e doentes do inferno da rúa e do desarraigo provocado pola súa soidade. Sereos transformouse apenas nun programa de reparación de danos que se ofrece nos días laborables de dez a catorce horas nunha furgoneta instalada na rúa Jacinto Benavente, preto da rúa da Paz. Entre o rebumbio propio dun espazo industrial e portuario, entre os perigos do tráfico dos trailers e vehículos dos talleres e frigoríficos, arredor da furgalla de Sereos arremuíñanse cada mañán unhas setenta persoas que acuden alí na procura dun bocadillo, un café quente e, ás veces, un iogur achegado polo banco de alimentos. Sen privacidade ningunha para estas persoas indixentes, sen posibilidade sequera de sentarse nalgún tallo ou de protexerse do frío e da choiva, a degradación deste servizo social municipal dirixido a un dos sectores da veciñanza máis empobrecido e maltratado semella tan imparable coma vergonzoso, como testemuña a redución do número de persoas atendidas e a supresión do servizo pola tarde, cando máis persoas acudían en Elduayen. De pouco serviron até agora nin a longa reportaxe publicada no mes de agosto na revista “Luzes”, que pon o acento sobre o desenvolvemento do servizo e as historias de vida dos seus protagonistas, como as continuas protestas realizadas polo Grupo Imán de Autoaxuda VIH, Sida e Adiccións denunciando o peche do local de Sereos da rúa Elduayen, cuxa principal razón parece ser a intención dos responsables municipais de limpar o centro e o Casco Vello de “xente con mala pinta”, o que axudaría a mellorar a imaxe nun espazo tan turístico e emblemático da cidade.
Mais é inevitable preguntarse ónde e cómo viven as persoas que continúan acudindo á furgalla de Sereos ou aqueloutras que abandonaron o servizo cando foi trasladado. Algunhas son usuarias do albergue de transeúntes de Marqués de Valterra, outras viven en naves industriais abandonadas de Beiramar, outras á intemperie nalgúns portais do centro, e un número moi importante delas nos edificios arruinados do antigo asilo de Pi e Margall e nas casas do Barrio do Cura, un auténtico inframundo no corazón do Paseo de Afonso, a sala de estar preferida dos vigueses. Algunhas destas persoas con patoloxías físicas e psicolóxicas continúan deambulando arredor do que sempre foi o seu entorno habitual, completamente alleas a decisións políticas, reuníndose ao longo de toda a xornada na Praza da Princesa. Así de teimosa e complexa é a realidade social.
O Vigo de Sereos tamén forma parte da cidade. É vergonzoso que se arruíne un servizo social, que apenas constitúe a derradeira oportunidade para un cento de persoas. Como é moi preocupante o estado de precariedade de persoal e recursos do conxunto dos servizos sociais, tanto municipais como os da Xunta de Galicia, nunha cidade que pretende ser humanizada. Todas as persoas sen exclusións deberan ser a prioridade das administracións.